Tecendo Rede
AS FARAGULLAS DA CAMPAÑA. ELECCIONS 19 XUÑO.
O homicidio do farmaceútico Moreda. Agrarismo e galeguismo (1917)
Deportes
SANTIAGO DOMINGUEZ CO DEPORTE BASE
Enquisas
¿Consideras positiva a instalación dunha celulosa en Ferrolterra?
Si
Non
Depende
Resultados
As Foxas
LUAR NA LUBRE PRESENTA SAUDADE
Rock 18 Rodas
ANDRES DOBARRO: O BOB DYLAN GALEGO
Manuel María
A súa vida
O orballo non impediu o éxito da festa de Magalofes
28/08/2006
Rubia do Ferrador de Julmar alzouse co primeiro premio do concurso de beleza e estampa de Eguas de tiro na Festa do Cabalo de Magalofes en Fene. Brillante de Jose Avelino gañou o certame na categoria de Cabalos de tiro. A vista do gran nivel alcanzado, a organización decidiu conceder sendos accesits á egua Torda e ao cabalo Tarzán, os dous pertencentes a Oscar Ferreño. En eguas de silla gañou Melosa, da gandería Duas irmás. Furia de Pablo Sande e Flecha dos Irmáns Novo González, tamén resultaron premiadas. O orballo caido a primeiras horas da mañá de onte domingo, provocou un certo descenso no número de asistentes habitual nesta cita. Ademais, as probas gañan en vistosidade se sae o sol. Así relucen plenamente as crines e as formas dos cabalos, segundo o xuiz da festa Agustín Sarmiento. O xuiz sinalou en Radiofusión que no certame de beleza e estampa, valórase sobre todo a morfoloxia do cabalo. Arredor das cinco e media da tarde un dos xinetes caeu do seu cabalo provocando a alarma na festa. Os servizos de emerxencia prestaron os primeiros auxilios e logo trasladaron ao accidentado á Residencia Arquitecto Marcide, onde evoluciona favorablemente.
 
O cabalo de Magalofes
28/08/2006
 
Éxito de organización da Xuntanza de Palilleiras
08/05/2006
A décimo primeira Xuntanza de Palilleiras e Palilleiros de Ferrolterra finalizou cun novo éxito de organización. Arredor de un milleiro de participantes e máis de nove milleiros de visitantes avalan a iniciativa do Centro de Promoción Social de San Valentin. A barriada de San Valentín contou ao longo da xornada do sábado 6 de maio do 2006, cunha animación inusitada. O trasego de persoas foi constante ao longo de todo o dia. O clima anubado pero con raiolas ocasionais de sol animou a numerosos cidadáns a achegarse ata o polideportivo da Xunqueira. As participantes realizaron numerosas loubanzas para os organizadores e organizadoras da Xuntanza de Palilleiras.
 
RITA COUTO, NOVA CONCELLEIRA DO BNG
28/09/2005
A viciña de Maniños, licenciada en Ciencias Empresariais, Rita Couto Seijido, entrará a formar parte da Corporación de Fene dentro do grupo municipal do BNG. O falecemento do concelleiro Francisco Allegue provoca esta nova incorporación. Por orde, na candidatura do Bloque corresponderíalle entrar a Ana Isabel Suárez Carballo, viciña de San Valentín, que renunciou por razóns laborais. A entrada de Rita Couto produciráse unha vez que a Xunta Electoral Central dea o seu visto e prace. Esta incorporación provoca novamente cambios na distribución de responsabilidades que o Bloque presentou oficialmente esta mañá no Rexistro Municipal. Os cambios afectan á comisión de Urbanismo que presidirá o edil Manuel Pico Sanmartín, o mesmo que a Comisión especial da Formacion Ocupacional, emprego e promoción económica, exactamente as responsabilidades que desempeñaba Francisco Allegue. Alicia Martínez volverá encargarse da Comisión de Servicios, Mantenemento e Medio Ambiente. A nova edil, Rita Couto, propónse como presidenta da Comisión de Servicios sociais, sanidade, muller e consumo, así como presidenta do Consello Local da Muller. Polo demais o Organigrama segue como estaba na recente reorganización producida no mes de Agosto deste ano, trala renuncia dos concelleiros Carlos Neira e Ana Isabel Santiago. A Comisión de Organización, Persoal, Tráfico, Policia local e Protección civil estará presidida por Andrés González Vizoso. A comisión de Facenda por Xosé Mª Permuy e a de Cultura, Ensino e Deportes, por Xosé Anxo González Tomé. A portavocía do grupo municipal do BNG, queda agora en mans de Xosé Mª Permuy, que pasa a ocupar ademais o posto de primeiro Tenente de Alcalde. Os cambios incorporan tamén a González Tomé como 5º Tenente de Alcalde na Xunta Local de Goberno de Fene.
 
MAGALOFES PREPARA A SUA COÑECIDA FESTA DO CABALO
10/06/2005
A Festa do Cabalo de Magalofes en Fene chega este ano á súa décimo quinta edición. Celebraráse o domingo 28 de agosto, pero a Asociación de Viciños desta parróquia comezou xa a preparar a organización. Este ano entrarán a concurso as probas de cabalo de trote e posiblemente se elimine o certame de pura raza inglesa. Como en anteriores edicións, ao longo do dia espérase que pasen por Magalofes máis de 10.000 persoas e 500 cabalos, dos que uns 200 participarán nas probas e carreiras que se desenvolven na campa das Queiras. O Concello de Fene, a Deputación Provincial e numerosas casas comerciais colaboran con esta iniciativa que difunde o nome de Magalofes por todo o noroeste da Península.
 
A ROMERIA DO CAMIÑANTE DESCOÑECIDO PREPARASE PARA O 9 DE XULLO
27/05/2005
A romaría do Camiñante é un emblema para a Liga de Amigos de Barallobre en palabras do presidente da entidade Germán Silvar. É a festa máis importante das que se organizan nesta sociedade ó longo do ano e unha das máis antigas xa que as súas orixes se remontan ó ano 1933. Este ano a Liga de Amigos de Barallobre vai celebrar a romaría do Camiñante o sábado 9 de xullo nunha xornada que arrincará coa tradicional ofrenda floral diante do Monumento ó Camiñante Descoñecido e na que non faltará a música e a gastronomía. Sete grupos de baile pretende xuntar en Barallobre a Liga de Amigos na romaría do Camiñante. Ese día, a partires das cinco da tarde, os grupos convidados desfilarán dende o local da sociedade ate o Monumento ó Camiñante Descoñecido onde se vai desenvolver o acto central da xornada, a tradicional ofrenda floral. Xa de volta, actuarán no campo da festa e o programa se vai completar cunha sardiñada popular. Na recta final deste novo curso, o presidente da Liga de Amigos de Barallobre valora moi positivamente o nivel de participación dos socios e socias nas distintas escolas culturais que este ano se organizaron (ximnasia de mantemento, punto canario, bailes de salón e gaita). A maiores, o CPS Liga de Amigos conta cun grupo de baile e cantareiras propio, o grupo Bolboreta do que forman parte perto de corenta rapaces/as. Neste exercicio a Liga de Amigos de Barallobre ten 222 socios e socias que abonan unha cuota mensual de 4 euros (segundo se acordou na última Asemblea Xeral Ordinaria). O orzamento anual que manexa a sociedade ronda os 10.800 euros en capítulo de ingresos e 7.200 en gastos. Os cartos non chegan para todo o que quixera facer a actual directiva da Liga de Amigos de Barallobre. Recentemente habilitouse no local da sociedade un novo espazo como aula de Cultura. Pero segundo o presidente da entidade, Germán Silvar, o máis urxente agora é o amaño do tellado e o acondicionamento do parque infantil na zona recreativa.
 
"O POTE", OS AMIGOS DAS ARBORES DE MANIÑOS
06/05/2005
“A Sociedade O Pote celebra as Letras Galegas os 365 días do ano”, asegura o presidente desta entidade de Maniños. Para Gerardo Pérez Sas o máis importante é o traballo do día a día a prol do noso idioma, “non tanto a conmemoración dunha xornada concreta como pode ser a do 17 de maio”. Ainda así, por tradición, O Pote organiza cada ano por estas datas a súa Semana Cultural con actividades diversas: exposicións, conferencias, teatro e música. A Semana Cultural do Pote vai arrincar este ano o luns 16 de maio coa inauguración das exposicións das Escolas da Sociedade. Durante toda esa semana amosaranse nas instalacións da entidade os traballos que realizaron ó longo deste curso as alumnas e alumnos de pintura e debuxo, corte e confección, bordado canario, patchwork e bolillos. Tamén na primeira xornada da Semana Cultural do Pote está prevista ás oito e media da tarde unha conferencia da oftalmóloga Ana González Fernández baixo o título “Últimos avances na cirurxía de cataratas”. A directiva da Sociedade O Pote vai aproveitar a conmemoración do día das Letras Galegas para render unha homenaxe ó socio máis antigo da entidade, Xosé Otero Pena, e ó veciño que ocupou o cargo de presidente no Pote durante máis anos, José Pena. Será o martes 17 de maio. Ese mesmo día anúnciase ás oito e media da tarde unha charla coloquio sobre “As escolas dos indianos na comarca”, coa participación de Ernesto Naveiras. A Semana Cultural do Pote continua o xoves 19 de maio cunha xornada teatral a cargo do grupo da AVV de Magalofes, baixo a dirección de María Teresa Rey. O espectáculo, titulado “Cunha sogra na casa basta”, levarase a escea a partires das oito e media da tarde. Xa o venres o teatro dará paso á musica, á mesma hora, cun concerto de corais no que participarán as agrupacións “Amistad” do Couto e “O Pote” de Maniños. Co tradicional baile da flor fecha este ano a Semana Cultural do Pote o sábado 21 de maio. A orquestra Os Sprinters será a encargada de arrufar a festa a partires das dez e media da noite. Pero ademais, no descanso do baile dúas parellas da bisbarra ofrecerán ós asistentes unha demostración de bailes de salón. Para a inauguración da súa Semana Cultural a directiva da Sociedade O Pote agarda ter rematadas as obras que se están a acometer no interior do seu local. Trátase dun “lavado de cara a fondo”, explica o presidente da entidade. Rematamos coa invitación de Gerardo Pérez Sas para que tódolos veciños se animen a participar na Semana Cultural do Pote, especialmente os 353 socios/as cos que conta actualmente a sociedade.
 
O FEIRON DE PERLIO DINAMIZA A PARROQUIA OS SEGUNDOS E CUARTOS DOMINGOS DE MES.
22/04/2005
O 22 de marzo de 1992 celebrouse o primeiro feirón de Perlío. Dende aquela, todos os segundos e cuartos domingos de mes, esta parróquia de Fene convírtese nun polo de atracción para cidadáns de toda a comarca. Calcúlase que o feirón move uns seiscentos mil euros ao ano, sumando as vendas dos postos de vendedores ambulantes e a recaudación dos establecementos de hostelería da zona. O número de visitantes do feirón pode oscilar entre as 1.000 e as 5.000 persoas que se achegan ao longo de toda a mañá do domingo a Perlío. Na actualidade instálanse arredor de 60 postos de productos agrícolas, de alimentación, roupa e calzado. Nos primeiros momentos do feirón chegou a haber máis de 270 vendedores e ata 10.000 visitantes. A proliferación de mercadiños noutros puntos da comarca fixo que menguara o número de vendedores e de visitantes. Agora, os organizadores, a Asociación de Viciños de Perlío, quere darlle un novo impulso. Pretenden, en colaboración co Concello de Fene, reorganizar os postos e establecer unha normativa de aparcamento. Os responsabeis da entidade veciñal de agradecen a colaboración da xente da parroquia, tanto dos comerciantes como dos propios veciños/as que responden aos avisos dos organizadores do feirón retirando os seus coches da rúa dende a víspora. Coincidindo coa celebración do primeiro feirón do mes de maio, e en vísperas das Letras Galegas, a AVV de Perlío organizou para o vindeiro día oito unha festa na Praza da Escola con reparto de racións de orella e morro de porco. Segundo informa a entidade veciñal os pratos serviranse a prezos populares para os non socios da AVV. Para socios e socias a degustación será gratuita. E ademais vai estar amenizada a partires das once e media da mañá pola agrupación de baile galego Xoula da Asociación de Perlío. A AVV de Perlío iniciou hai poucos meses unha nova etapa coa elección dunha nova xunta directiva que, na actualidade, preside o veciño Carlos Fernández Sanjuan. Esta sociedade manexa un orzamento anual que oscila entre os cinco mil e os seis mil euros e cada socio aporta unha cuota de doce euros ó ano. A directiva da AVV de Perlío enviou nos últimos días unha carta a cada un dos 241 socios da entidade con información sobre as actividades que se están a organizar para os vindeiros meses, un xustificante de pago da última cuota e o carnet de socio.
 
TRABALLAMOS DIA A DIA PARA XUNTAR Á XENTE, AFIRMA A DIRECTIVA DO CIRCULO DE FENE
18/04/2005
“Traballamos día a día para xuntar á xente, para que se relacione, para que fale…”. Quen así se expresa é o presidente do Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene. Fernando Rocamonde considera que “o movemento asociativo está en crise pola tendencia das persoas cara o individualismo”, daí o seu empeño en mover, dende as distintas seccións da entidade, á maior cantidade de xente posibel. A directiva do Círculo de Fene procura cada ano ofertar unha programación de actividades completa e variada, apta para todos os gustos. De cara ao vindeiro mes, todos os esforzos dos actuais responsabeis da sociedade se están a centrar na organización da Semana das Letras Galegas. Unha exposición dun grupo de alumnas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, unha mostra de arte en cristal, a actuación dun mago ou a da rondalla Estrelecer do CMI Unidade de Fene constituen algúns dos principais atractivos desta Semana Cultural que arrincará o xoves 12 de maio. O mesmo 17 de maio no Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene vaise render homenaxe a Xesús Lorenzo Varela a quen se adica este ano o Día das Letras Galegas. Logo da tradicional misa que todos os anos se celebra en lembranza dos socios/as do CMI falecidos, vaise proxectar no local de San Paio a curtametraxe “Lembranzas de Lorenzo Varela”, de Xan Leira. Tamén se anuncia para ese día unha conferencia a cargo de Xosé María Dobarro Paz, catedrático de Filoloxía Galega, ou a entrega das insignias de prata da entidade a aquelas persoas, socios/as, que levan 50 anos ou máis vinculados ao Círculo de Fene. Son moitas as ideas que ten a actual directiva do CMI Unidade de Fene para afondar no papel dinamizador que debe xogar esta sociedade, segundo o seu presidente, dentro do Concello de Fene. Na actualidade o Círculo conta con 425 socios/as e manexa un orzamento anual que ronda os 35.000 euros. Cada socio abona unha cota de 12 euros ao mes. A entidade dispón dun amplo local, con cafetería, salón de actos, pista polideportiva e unha piscina que se abre nos meses do verán.
 
UNHA ESCOLA DE EMIGRANTES SIRVE DE LOCAL A ASOCIACION DE LIMODRE
08/04/2005
A Asociación de Veciños de Limodre conta cun local relativamente pequeno pero moi acolledor. Polas suas instalacións pasaron moitos veciños/as da parroquia cando o Juan Varela era escola. Agora pasan tamén pero para xuntarse, falar ou participar en calquera das moitas actividades que se organizan ó longo do ano. O local da AVV de Limodre está pragado de lembranzas pero tamén de actividade: escolas culturais de manualidades, bolillos, bordado canario, aerobic e deportivas de fútbol sala masculino e feminino, tanto en categoría infantil coma alevín. Ó longo do ano o salón de actos desta entidade veciñal é o escenario de numerosos bailes e outro tipo de eventos. Na actualidade o estado do local social Juan Varela é aceptabel, pero vai precisando dun pintado exterior que para o vindeiro ano se pensa solicitar ó Concello. O presidente da AVV de Limodre Xesús Bello considera tamén necesario sustituir a madeira no chan do primeiro e segundo piso do edificio e, como un dos proxectos máis inmediatos, habilitar un espazo para divertimento dos mozos e mozas da parroquia. Pensando na xente nova precisamente, esta AVV ven reclamando dende hai tempo ó Concello de Fene unha cuberta para a pista polideportiva de Limodre. Porque esa é a outra vertente da sociedade que preside Suso Bello: procurar que “no reparto de cartos” a Limodre se lle teña en conta igual que ás parroquias do centro urbano. A xuizo do presidente da AVV de Limodre cómpre colocar un paso de peóns á altura do cruce coa estrada de Redes. Tamén é necesario mellorar o firme e alumeado en moitos camiños, ampliar a rede de saneamento e construir beirarruas por toda a parroquia. A AVV de Limodre conta na actualidade con 179 socios/as que pagan unha cuota anual de 20 euros. Á marxe das aportacións dos socios, esta entidade completa o seu orzamento anual (en torno ós 40.000 euros) coas cuotas que se pagan polas distintas actividades e coas subvencións que recibe por parte de organismos oficiais, fundamentalmente Concello de Fene e Deputación de A Coruña.
 
A NOVA DIRECTIVA PRETENDE ADECUAR O SALON DE ACTOS DE AGARIMO
01/04/2005
A nova directiva pretende adecuar o salón de actos de Agarimo O seu amplo salón de actos é un dos motivos de fachenda da Sociedade Agarimo de Sillobre. A nova xunta directiva da entidade pretende instalarlle calefacción, poñer en servicio os camerinos e habilitar o escenario para que a entidade poida acoller calquera tipo de representación teatral. Aspiran a entrar en circuitos teatrais da Deputación e da Xunta de Galicia. Alberto Doce é o novo presidente da sociedade, elexido o pasado 20 de marzo nunha asamblea de socios na que participaron ó redor de medio cento de persoas. Acompañan a Alberto Doce na directiva de Agarimo os veciños Xoan Carracedo, Gumersindo Fontao, Emilio García, Manuel Carballo, Francisco Rivera e Roberto Blanco.O novo equipo directivo de Agarimo vai editar unha publicación trimestral para informar ós socios/as sobre as distintas actividades que se vaian organizando. Ainda que polo momento continuará a traballar sobre a programación artellada pola anterior directiva, segundo o novo presidente Alberto Doce, “é necesario darlle un xiro para lanzar ós socios unha proposta aberta e participativa, apta para todo tipo de gustos”. A creación dunha sección xuvenil en Agarimo é un dos obxectivos que se marca a medio prazo a nova directiva desta sociedade de Sillobre. O proxecto contempla asemade a posta en marcha de distintas salas, no mesmo local da entidade, onde nenos e xovenes poidan reunirse e participar en actividades ou xogos que se organizarán para eles por tramos de idade. Para o conxunto dos socios e socias de Agarimo, a directiva que encabeza Alberto Doce ten pensado habilitar unha sala de lectura e televisión. Na actualidade a Sociedade Agarimo de Sillobre conta con 365 socios/as, unha cifra que habería que incrementar segundo Alberto Doce.
 
XUNTANZA DE PALILLEIRAS, O 30 DE ABRIL EN SAN VALENTIN
18/03/2005
A seguridade vial no barrio, o amaño das ruas e a adaptación dos parques infantís á normativa vixente sobre seguridade son os temas que máis preocupan actualmente á directiva do CPS de San Valentín, unha entidade que traballa ó longo de todo o ano pola dinamización sociocultural deste núcleo de Fene pero que tamén procura solucións ós seus principais problemas. Neste senso funciona case como unha asociación de veciños, segundo a tesoureira do Centro de Promoción Social. Pilar Freijomil. O CPS de San Valentín non é unha excepción entre o movemento asociativo do concello de Fene á hora de programar ó longo do ano un completo calendario de actividades. Ás escolas culturais de bolillos, manualidades, bordado e cociña súmanse as deportivas de baloncesto e fútbol sá e toda unha serie de eventos e festas dos que poden desfrutar os máis de 300 socios/as da entidade (1.100 entre socios e beneficiarios). A cota anual dos asociados ronda os 60 euros, mentres que o orzamento da entidade alcanza os 60.000 euros. De cara á primavera o Centro de Promoción Social ven traballando duro na organización da Décima Xuntanza de Palilleiras que se vai celebrar o vindeiro 30 de abril nas instalacións do pavillón A Xunqueira de San Valentín. Na pasada edición deste certame participaron 720 palilleiras, unha cifra que os organizadores pretenden superar este ano. Polo demais, esta nova Xuntanza de Palilleiras vai manter moitos dos seus atractivos como exposicións ou desfiles. Entre os eventos que organiza ó longo do ano a entidade de San Valentín, a xuntanza de palilleiras é un dos que gozan de maior sona fóra dos lindes do barrio. Para a xuventude unha das citas máis atractivas é a do Fene Rock que organiza unha comisión vinculada ó CPS e que está a traballar xa no programa do vindeiro festival (os días 16 e 17 de setembro). En plena confección ainda do cartel do Fene Rock, sabemos que os organizadores están en conversas con grupos da talla de Los Ronaldos, Secretos, Limones, Siniestro Total ou Victor Aneiros. Mantendo a súa esencia o Fene Rock vai contar de novo este ano coa participación de grupos do concello pero, a maiores, vaise convertir nun festival multidisciplinar con exposicións e venda de discos, artesanía, proxeccións audiovisuais dos traballos do fenés Carlos Alberto Alonso, teatro e mesmo un concerto de piano da veciña de San Valentín, Nuria de Pablo.
 
GRAN ACOLLIDA AS FESTAS GASTRONOMICAS EN PERLIO
11/03/2005
As festas gastronómicas do Circulo de Perlío contan cunha gran acollida na povoación. O 15 de abril será o día das “Fabas con ameixas” e o 14 de outubro o da “Festa dos Callos”. A maiores, a programación do Casino de Perlío para os vindeiros meses recolle a celebración do San Xoan cunha sardiñada popular o 17 de xuño e unha grande churrascada no mes de agosto amais do tradicional magosto que se celebrará o día 11 de novembro. A tradición de festas culinarias no Círculo de Perlío é relativamente recente. As primeiras que se organizaron datan do ano 1996 ainda que, con anterioridade (dende mediados da década dos oitenta), xa se viñan celebrando nesta entidade as sardiñadas do San Xoan. Os eventos gastronómicos gozan, en xeral, de grande aceptación por parte dos socios e socias do Circulo Cultural Recreativo e Deportivo de Perlío que na actualidade rondan os 320. Para eles organizánse cada ano distintas actividades de tipo cultural, lúdico ou deportivo, das que se poden beneficiar pagando unha cuota, ben bimensual (14 euros), ben anual (84 euros). O orzamento anual que manexa esta entidade ascende a 26 mil euros, unha cifra que consideran dende a actual directiva “insuficiente” para acometer tódalas actuacións que serían necesarias. A entidade de Perlío conta cunhas boas e amplas instalacións, que incluien cafetería, salón de actos, biblioteca, sala de reunións e parque infantil. A directiva que preside Ricardo González Lage asegura que habería que acometer algunha que outra reforma no local para “modernizalo”.
 
ORGANIZAN UNHA FESTA DA CACHOLA EN PERLIO
03/03/2005
O Circulo de Perlío organiza para o venres 11 de marzo a súa quinta Festa da Cachola. Repartirán racións de cachola e orella de porco, acompañado de freixós con mel da Montaña. O duo Caribe amenizará musicalmente a velada.
 
 Radio Fene. 2003.  todos os dereitos Reservados