AS FARAGULLAS DA CAMPAÑA. ELECCIONS 19 XUÑO.
O homicidio do farmaceútico Moreda. Agrarismo e galeguismo (1917)
Deportes
SANTIAGO DOMINGUEZ CO DEPORTE BASE
Enquisas
¿Consideras positiva a instalación dunha celulosa en Ferrolterra?
Si
Non
Depende
Resultados
As Foxas
LUAR NA LUBRE PRESENTA SAUDADE
Rock 18 Rodas
ANDRES DOBARRO: O BOB DYLAN GALEGO
Manuel María
A súa vida
Trasladámonos a Radiofusion
23/01/2007
Dende esta data, os contidos que diariamente viñamos incorporando a esta páxina, levarémolos tan só á páxina web de Radiofusión, no enderezo www.radiofusion.eu, na sección Radiofusión Ferrolterra. Dende hai uns meses Radio Fene adoptou como nome comercial Radiofusión, e agora esa denominación levámola tamén a Internet. Ademáis, Radiofusión tamén é a programación conxunta das emisoras municipais galegas que se realiza en horario de tarde noite.
 
A Deputación licita a travesía de Barallobre
09/01/2007
A Deputación anuncia a contratación da travesia de Barallobre. As empresas constructoras poden presentar as súas ofertas ata finais deste mes. Logo terán un prazo de execución das obras de doce meses. O orzamento da actuación supera os 820.000 euros. No pasado mes de novembro a Deputación abonou o importe das expropiacións aos propietarios das 41 parcelas afectadas polo ancheamento desta via. A publicación do concurso é agora o último trámite antes do inicio das obras. Construiránse beirarrúas neste vial dende o punto quilométrico 0,400 (na farmacia) ata o 1.200 (pistas de atletismo). A actuación inclue a construcción de beirarruas, e instalación de alumeado e saneamento. A obra é necesaria para evitar o altísimo risco de accidentes con perigo para a vida humana, debido á existencia de curvas con pequeno radio, ao escaso ancho da calzada e a elevada intensidade media do tráfico rodado e peonil.
 
Navantia celebra eleccións sindicais o 15 de marzo
26/12/2006
Navantia celebrará eleccións sindicais o 15 de marzo. As centrais sindicais maioritarias acordaron esa data e os comités de empresa formularán nos vindeiros dias o correspondente preaviso. Os comicios celébranse de xeito coordinado ese dia, pero cada centro de traballo elexirá o seu comité de empresa. Nas últimas eleccións sindicais celebradas no ano 2002, no estaleiro de Fene conseguiron 8 delegados Comisións Obreiras e UXT, 2 a CIG e a USTG, e 3 a Alternativa Independente. Na factoria de Ferrol lograron 12 CCOO, 6 a CIG, 5 a UXT e 2 a USTG. Daquela no antigo Astano elexiuse un comité de 23 delegados, mentres que o órgano laboral de Ferrol contaba con 25 membros. As eleccións celebráranse o 28 de novembro do 2002, e contaron cunha masiva participación que rondou o 98% do plantel. Traballaban entón no estaleiro de Perlío 1106 traballadores. O censo da factoria de Ferrol compoñíanno 2770 persoas. Hoxe pertencen á factoria de Fene 330 empregados, mentres que na outra banda da ria traballan 2100 persoas do plantel principal.
 
Homenaxe ás víctimas do franquismo en Fene
22/12/2006
A Corporación de Fene desenvolve este sábado 23 de decembro unha homenaxe ás víctimas do franquismo, como acto simbólico de desagravio a toda unha serie de homes que deron a súa vida ou pasaron múltiples penalidades só por defender a liberdade, o progreso e o feito diferencial de Galicia. A homenaxe consistirá nun Pleno do Concello que comezará ás 12 do mediodia. Poderás seguir a sesión plenaria en directo a través de Radiofusión no 107.7 da FM e dende a web www.radiofusion.eu
 
Aparece unha gran tartaruga morta en Valdoviño
21/12/2006
Unha gran tartaruga morta aparece no areal da Frouxeira en Valdoviño. Segundo comunicou esta mañá a Sociedade Galega de Historia Natural, trátase dun animal de case dous metros de lonxitude e arredor de cincocentos quilos de peso. Trátase dunha “tartaruga de coiro” que presumiblemente procede das augas subtropicais de Centroaméria. Soen morrer por capturas accidentais ou pola inxestión de plásticos que confunden coas medusas. Tamén é frecuente que queden enmalladas en aparellos de pesca inservibeis que flotan á deriva. A tartaruga de coiro é unha especie amenazada, segundo a convención de Berna. A entidade ecoloxista deu aviso ao Concello de Valdoviño para que proceda a retirar o corpo da tartaruga.
 
A nova oferta da Xunta divide aos mariscadores
18/12/2006
División no colectivo de mariscadores de Ferrolterra. Cando ian iniciar as movilizacións reclamando o abono das indemnización pola paralise da actividade, as confrarias recibiron a media mañán unha nova oferta da Consellería de Pesca. A Xunta finalmente aceita abonar a compensación polo peche da actividade durante a campaña do Nadal, somentes tras a asinatura da correspondente factura. Non esixen xa a asinatura previa do contrato con Tragsa para proceder á limpeza da ria. A confraria de Barallobre amosouse disposta a utilizar o citado método, pero a confraría de Ferrol négase. A situación está así, despois de que os mariscadores estiveran a piques de iniciar o bloqueo da ria a media mañá de hoxe. Xa estaban cargando gasolina e víveres nas súas embarcacións para dirixirse á zona dos castelos de San Felipe e da Palma para bloquear dende alí os accesos ao porto de Ferrol.
 
Solicitan información sobre a base de salvamento marítimo
04/12/2006
O Concello de Fene solicita información sobre a base de salvamento marítimo de Vilar do Colo. O alcalde Xose María Rivera demanda unha entrevista co delegado do Goberno en Galicia Manuel Ameijeiras a fin de coñecer máis en detalle as características desa instalación. A Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima, SASEMAR, anunciou xa en xuño do 2005, a súa intención de instalar en Vilar do Colo a base galega de Salvamento Marítimo. Nesa data, SASEMAR adquiriu unha parcela de 20.000 metros cadrados no parque empresarial de Fene. Naquela data diciase que o centro loxístico dispoñerá de barreiras oceánicas e outro material para a defensa das costas en caso de emerxencia. Afirmábase tamén que contará cunha importante dotación de medios humanos preparados para o reparto do material en calquera punto do Noroeste da península. O centro estará operativo antes do 2008. A pasada semana a ministra de Fomento Magdalena Alvarez confirmou a intención do seu departamento, pero engadiu que a instalación incluirá un almacén de residuos mariños. O alcalde de Fene solicita agora unha reunión para recabar máis información en torno a esta instalación e aos prazos previstos para a súa construcción.
 
Mañá domingo dispútase a Memorial Adolfo Ros de atletismo
02/12/2006
Unha das probas atléticas de maior tradición en Galicia comeza mañá domingo en Ferrolterra. As 10,30 da mañá sairán da Praza de Armas de Ferrol os atletas participantes na Memorial Adolfo Ros, para percorrer os 21 quilómetros que bordean a ria. Organizan a proba os Concellos de Ferrol, Fene, Narón e Neda. Radiofusión retransmitirá en directo a carreira.
 
Astano non pode permanecer máis tempo inactivo, segundo Rivera Arnoso.
28/11/2006
O antigo Astano non pode permanecer máis tempo abandonado. O alcalde de Fene Xose María Rivera culpou aos gobernos centrais de condenar ao estaleiro de Perlío á máis absoluta inactividade. Rivera Arnoso amosou o seu apoio ás iniciativas da Consellería de Innovación e Industria para buscarlle futuro a factoria de Fene. Unha sociedade mixta, con capital privado e público, podería reflotar a factoria, crear emprego e dinamizar a economia da comarca. Segundo o alcalde de Fene, a participación da Xunta de Galicia nese proxecto darálle fiabilidade e garantias de futuro. Dese xeito Astano beneficiaríase do bo momento que vive nestes momentos a construcción naval mundial. Tamén contra a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (actual propietario dos estaleiros públicos) cargan as centrais sindicais. Se os estaleiros teñen tantas perdas, o presidente da SEPI debe dimitir, segundo afirma a UXT de Navantia Fene. Os uxetistas negan que o estaleiro de Perlío sexa o que peores resultados ofrece do sector naval español. A central sindical lembra que a responsabilidade de xestionar a empresa reside na cúpula da SEPI. Afirman textualmente “coas cifras que ofrece Martinez Robles na man, a dirección dos estaleiros públicos amosa a súa incapacidade para dirixir o destino da empresa e dos seus traballadores”. A Unión Xeral de Traballadores tamén indica que o estaleiro de Perlío demostrou durante moitos anos, que está entre os mellores do mundo. O cumprimento dos prazos de entrega, así como a man de obra altamente cualificada, do plantel propio e da industria auxiliar, quedou suficientemente demostrada. As casas armadoras recoñeceron ese extremo, durante moitos anos, segundo a UXT. Pola súa banda, o conselleiro de Innovación e Industria da Xunta de Galicia Fernando Blanco defendeu esta mañá o rigor da proposta da Xunta de Galicia, para Navantia Fene. Que exista o interese de diferentes grupos empresariais ratifica a solvencia da iniciativa do goberno autónomo, segundo Fernando Blanco. O conselleiro de Industria insistiu na necesidade de buscar alternativas, e criar emprego en Ferrolterra e en Fene en particular. Ratificou o seu compromiso de presentar en xaneiro un proxecto industrial solvente e con garantías de futuro para o estaleiro de Perlío. A preguntas dos xornalistas, Fernando Blanco non quixo desvelar os nomes das firmas máis implicadas no proxecto de reactivación de Astano. O conselleiro de Innovación sí recoñeceu que se están a estudar as propostas de todas as empresas que ata o momento manifestaron publicamente o seu interese polo futuro do estaleiro de Fene.
 
Inundacións en baixos e garaxes polas copiosas precipitacións
23/11/2006
Os servizos de Bombeiros ferroláns levan unha xornada de arduo traballo, con todos os efectivos empregandose a fondo e con reforzos. Máis de 20 chamadas recibiu a centraliña de bombeiros departamental reclamando axuda de viciños cos seus baixos e garaxes inundados. A Malata, San Bartolo, a estación, a avenida de Vigo, o muelle, a estrada da trincheira, Fontá en Doniños, a Avenida do Mar, a glorieta do Diapasón na Avenida de Esteiro, a Ponte das Cabras, o Instituto Sofia Casanova. Eses foron algúns dos lugares que requeriron a axuda dunha dotación do servizo de bombeiros. A Policia municipal de Fene recibiu tamén máis de 12 chamadas de viciños que reclamaban axuda ante a inundación das súas propiedades. Os axentes municipais cortaron ao tráfico as Rúas Ameneiral, Eduardo Neira, Río Cádavo e Cardoeiro totalmente anegadas. Nas inmediacións da Ponte dos Santos en Perlío inundaronse tamén baixos e establecementos comerciais.Os viciños das zonas máis afectadas polas inundacións e próximas ás desembocaduras dos rios miran con preocupación ao ceo. A vindeira pleamar rexistraráse ás 5,31 da tarde e se se reanudan as precipitacións a esa hora, a marea alta podería sumarse á auga caida polas choivas e complicarse a situación.
 
Presentan a biografia do comunista Paco Filgueiras
22/11/2006
A biografia do comunista Paco Filgueiras presentase o vindeiro martes en Ferrol. Un gran número de persoalidades políticas e sindicais anuncian a súa participación no acto de presentación do libro escrito por Xose Manuel Iglesias e Victor Santidrián. A conselleira de Cultura Anxela Bugallo e o conselleiro de Traballo Ricardo Varela participarán neste acto. Tamén intervirá o presidente de Asturias Vicente Alvarez Areces e o dirixente de Comisións Obreiras Ignacio Fernández Toxo. Igualmente dirixiránse ao público os autores, o alcalde de Ferrol Juan Juncal e o secretario xeral de Comisións Obreiras de Galicia Xan Maria Castro. A presentación do libro de Paco Filgueiras terá lugar o martes 28 ás 19 horas na Fundación Caixa Galicia no Cantón de Molins de Ferrol.
 
Xia Arias gaña o Pérez Parallé co Poema das ortigas
20/11/2006
Unha xove xornalista nacida en Fonsagrada en 1983 e viciña de Santiago de Compostela. Falamos de Xia Arias, a gañadora do Premio de poesia Pérez Parallé, certame convocado polo Circulo Mercantil e Industrial Unidade de Fene. O poeta salvadoreño Roque Dalton, os galegos Antón Reixa e Chus Pato ou a norteamericana Adrienne Rich. Son algúns dos escritores que lle gustan a Xia Arias. O libro ten algo de autobiográfico pero tamén de retratos de persoaxes que xiran arredor do persoaxe principal. A editorial Espiral Maior encargaráse agora de publicar o libro de Xia Arias, “Poema das ortigas”. Gañou este ano o Premio de poesia Pérez Parallé. O xurado valorou a súa linguaxe fluida e fresca e as súas referencias literarias pouco frecuentes na tradición galega.
 
Ramón Franco, o heróe ferrolán da aviación, nun libro de Joaquín Leguina
10/11/2006
Era un excéntrico, o máis tolo da familia, un nihilista. Son descripcións dalgúns escritores arredor da figura de Ramón Franco, aviador nacido en Ferrol en 1896 e morto nun accidente de aviación en 1938. O piloto exiliouse en París antes da caida da Monarquia en 1931, e alí entrou na masonería e entablou amizade co catalán Maciá e cos anarquistas Durruti e Ascaso. Ramón Franco foi o home con máis sona na súa época despois de cruzar o Atlántico nun hidroavión en 1926. No “Plus Ultra” percorreu máis de 10.000 quilómetros o que o converteu nun auténtico heroe en todo o mundo. Para o escritor Joaquin Leguina, o aviador Franco é un persoaxe que non se debe esquencer. Leguina presentou onte á tarde a súa biografia sobre o heroe do Plus Ultra, elaborada xunto con Asunción Sánchez e publicada pola editorial Temas de Hoy. A valentia, a coraxe e a abelencia aos mandos do avión eran características da persoalidade de Ramón Franco. Un dos mellores pilotos do mundo no primeiro tercio do século XX, un exemplo da brilantez dos militares republicanos españois daqueles anos, segundo manifestou o ex presidente da Comunidade de Madrid no acto organizado polo Club de Prensa ferrolán.
 
Ocasión Auto, máis de 500 vehículos con garantia na Feira de Mostras
08/11/2006
Adquirir un automóbil usado nas mellores condicións de calidade e prezo e con todas as garantias. Esa é a oferta do Salón do Vehiculo Usado Ocasión Auto que se abre o vindeiro venres na Feira de Mostras de Ferrol en Punta Arnela. Segundo asegurou esta mañá o presidente do Consorcio Pro Feiras e Exposicións Francisco Cruz, en edicións anteriores este salón amosaba uns 200 vehiculos, ocupando 7000 metros cadrados. Este ano Ocasión Auto expoñerá máis de cincocentos turismos en 10.000 metros cadrados. Ocasión Auto abrirá ás suas portas o venres ás catro e media da tarde. Nas xornadas do sábado e do domingo abrirá de once da mañá a duas da tarde e de catro e media a oito e media da tarde. O prezo da entrada ascende a 3 euros.
 
Un cetáceo morto en Estaca de Bares
07/11/2006
Unha balea morta apareceu esta mañá nas inmediacións de Estaca de Bares perto do Cabo Ortegal. Protección Civil de Cariño e os servizos de Salvamento Marítimo trasladaron o cetaceo ata o porto de Cariño, a onde chegou arredor da unha do mediodia. A Sociedade Galega de Historia Natural faise cargo agora da balea, para determinar a súa especie, as causas da morte, e a realización dunha necrópsia. A actuación dependerá tamén de se o animal está moi deteriorado, segundo o coordenador de mamiferos mariños da entidade ecoloxista Juan Ignacio Diaz da Silva. Da recollida das mostras da balea pode sacarse información moi valiosa. Ademais a SGHN en principio sempre intenta recuperar e conservar o esquelete do animal. A balea morta avistouse flotando á altura de Estaca de Bares. O seu remolque ata o porto de Cariño levou arredor de duas horas, segundo informan dende a Sociedade Galega de Historia Natural. Ao chegar ao peirao, fíxose cargo do cetáceo a Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños. Se o animal está moi deteriorado, será xa trasladado a un lugar habilitado para a súa incineración. Neste caso o Concello de Cariño e máis a Xunta de Galicia encarganse do transporte do animal.
 
Un xove falecido en accidente en Sillobre
02/11/2006
Un xove resultou morto nun accidente de tráfico acaecido onte á noite en Sillobre en Fene. Segundo informa o Centro de Xestión do Tráfico do Noroeste, o sinistro aconteceu no lugar do Abeledo da estrada provincial AC 1503 entre Perlío e Lavandeira. O vehiculo saiuse da calzada pola esquerda colisionando posteriormente contra unha arbore situada nas beiras da via. Faleceu o seu conductor e único ocupante, o xove de 21 anos que responde ás iniciais Iván G.R. e era natural e viciño do Salto en Cabanas. O accidente tivo lugar ás 22,40 h. da noite.
 
EMAFESA retoma a negociación colectiva o vindeiro venres
31/10/2006
A negociación do convenio colectivo de EMAFESA retómase o vindeiro venres. A CIG asesorará ao comité de empresa nos contactos despois de que a maioria dos traballadores da compañia de augas rexeitara un acordo de eficacia limitada asinado pola UXT. O órgano laboral destituiu ao presidente e ao secretario do comité, ás duas persoas que asinaran o pacto. A maioria dos traballadores da empresa de augas de Ferrol asinaron a súa oposición ao acordo de eficacia limitada. O secretario comarcal da CIG Xesus Pintos indicou que ese tipo de pactos, son actuacións das empresas realizadas co obxectivo de dividir aos empregados. Ante a oposición dos traballadores ao acordo de eficacia limitada, o xerente da firma aceptou retomar a negociación colectiva, o que se producirá mañán venres. Os traballadores de EMAFESA levan meses reclamando a negociación do convenio colectivo, pendente desde o 31 de decembro de 2004, data na que rematou a vixencia do anterior. Os dirixentes da CIG explican que o plantel leva desde esa data sen convenio colectivo e nin sequera se lles aplicaron as correspondentes actualizacións salariais, co que seguen a cobrar o mesmo que en 2004. Os traballadores decidiron en asemblea rachar as negociacións o pasado 24 de xuño, logo de diversas xuntanzas sen que se chegara a acadar ningún acordo. Aínda máis, consideran que a proposta de incremento salarial que fixo a empresa na xuntanza celebrada o pasado 19 de xuño, de 30 euros ao mes, é “ridícula” e afirman que “xa estamos fartos de que nos tomen o pelo como o están a facer”. EMAFESA conta con 54 traballadores. O Concello de Ferrol posue o 51% das accións, contando a empresa Dragados co 49% restante. O seu comité de empresa estaba formado por 3 membros da UXT e 2 da CIG. A representación uxetista dividiuse ao apoiar dous deles o Acordo de Eficacia Limitada, mentres que o restante se opuxo, configurando unha nova maioria co respaldo dos representantes nacionalistas. A CIG agarda lograr importantes melloras na negociación que se inicia este venres.
 
Prepárase o magosto e a festa do Samain
24/10/2006
A Fundación Artabria de Ferrol programa a Festa do Samain e o magosto xuntando estas duas datas tradicionais do outono galego. As actividades de Artabria comezarán o sábado 28 ás 13 horas no Parque de Lago en Valdoviño. Apañarán castañas e celebrarán un xantar no mesmo lugar, xa acondicionado con mesas e bancos. Se o tempo non axuda trasladarán a festa para un local da zona ou para Artabria. Haberá un concurso de tartas de castañas, con premio sorpresa. O martes 31, -terça feira- dende as 19 horas organízase en Artabria a festa do Samaín e o magosto. Haberá obradoiro de cabazas e desfile polo barrio de Esteiro. O magosto popular repetiráse o sábado da vindeira semana, (4 de novembro) tamén dende as sete da tarde. Xunto coa asociación veciñal Fontelonga, repartiránse castañas asadas e liscos. A música correrá a cargo da agrupación de música tradicional “Gaitas de Artabria”.
 
Festa dos callos con sorpresa musical
20/10/2006
Unha gran sorpresa musical anuncia para esta noite o Circulo de Perlío. Ademais de Saavedra, a entidade contará con convidados de primeira fila para animar a velada desta noite. A festa comezará arredor das nove e media da noite co reparto das racións de callos a prezos populares. Despois de degustar o gorentoso prato, virá o turno dos cafés e da música. Agárdase unha gran concurrencia no Circulo Cultural Recreativo e Deportivo de Perlío.
 
Preguntan pola legalidade do edificio comercial da Praza de España
18/10/2006
¿Cal é a situación legal das obras da Praza de España? Esa é a pregunta que lle formula por escrito o concelleiro do BNG Xoan Xose Pita ao alcalde de Ferrol Juan Juncal. Na carta reiterase a solicitude formulada o pasado 5 de setembro dun informe do secretario municipal, sobre unhas actuacións que non se axustan ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, segundo afirma o Bloque. Xoan Xose Pita califica a actitude do alcalde en relación coas obras da Praza de España de escurantista e entorpecedora da dinámica municipal. Reitera a demanda dun informe legal sobre a reurbanización da superficie deste espacio emblemático na cidade de Ferrol. Na Praza de España de Ferrol comezaron hai varias semanas as obras de excavación previas á construcción dun edificio comercial que será explotado por unha firma a cambio de financiar a obra. Como queira que o PXOM sinala a zona como un vial público, tanto o BNG como as asociacións veciñais sinalan que é necesario previamente ao inicio das obras a realización do correspondente cambio da normativa urbanística.
 
Xaquin Marin e Ramón Loureiro presentan A oca de Leonardo
17/10/2006
A oca de Leonardo. Chámase así o libro de Ramón Loureiro que esta tarde se presenta no local do Toxos e Froles de Ferrol. De xeito simultáneo inaugurase unha exposición das ilustracións do volume, obra de Xaquín Marín. A acción do libro, nun xesto de complicidade cos lectores, invita a viaxar a través do tempo, desenvólvese no ano 1806, cando o Vizconde de Chateaubriand chega a Galicia en vésperas da celebración do Noveno Centenario de San Rosende. Así, e na súa máquina voadora con forma de oca deseñada por Leonardo da Vinci, Chateaubriand arriba a Ferrol o día 17 de outubro do 1806 e a Mondoñedo na xornada seguinte, o 18 de outubro dese mesmo ano. Ramón Loureiro rinde homenaxe á Bretaña, á Galiza do Norde e aos lazos que unen Ferrol e Mondoñedo. O acto de presentación de “A oca de Leonardo” comezará ás oito desta tarde no Toxos e Froles de Ferrol.
 
Reclaman zonas verdes e rehabilitación de vivendas en Ferrol vello
16/10/2006
Reivindican para zonas verdes as parcelas situadas diante do adro da igrexa de San Francisco en Ferrol. Con ese obxectivo viciños e viciñas da zona realizaron onte unha concentración e unha plantación simbólica de árbores. A A VV de Ferrol vello reclaman esa calificación urbanística asegurando que o barrio non necesita máis vivenda nova, senón rehabilitar as casas vellas e valeiras. Ademais indican que unha hipotética edificación nesas zonas perxudicaría o papel de mirador sobre os arsenais e a ria, que exercen os xardíns de Herrera e o adro da igrexa de San Francisco. As políticas de rehabilitación de vivendas centrarán unha charla mañán martes no Ferrol Vello. Falará a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda Encarna Otero e un representante da Oficina Municipal de Rehabilitación de Ferrol. O cato desenvolveráse no local da Asociación de Viciños, na Rua Curro,1 ás 20 horas.
 
A mostra Mártires do mar inaugúrase o luns en Cariño
14/10/2006
A exposición “Mártires do mar. A represión franquista contra os mariñeiros galegos percorrerá a partir do luns varias localidades da costa cantábrica galega. A mostra rendelle homenaxe ás persoas represaliadas tras o golpe de estado de 1936. A exposición poderá visitarse en Cariño do luns 16 ao sábado 21 de outubro. Logo amosaráse nas vilas de Burela, Viveiro, Foz e Ribadeo. Xunto á mostra “Martires do mar” organizaránse a vindeira semana en Cariño diferentes actividades. A exposición inaugurase o vindeiro luns ás 19 horas na Casa da Cultura da vila pola delegada da Consellaría na Coruña, Milagros Lantes, e polo alcalde de Cariño Jose Luis Armada.
 
Folga indefinida dos xardiñeiros de Ferrol
10/10/2006
Os xardiñeiros de Ferrol decláranse en folga indefinida. Os empregados da empresa Cespa -concesionaria do servizo de mantenemento dos xardíns municipais- solicitaron esta mañá a declaración de paro con carácter indefinido reclamando un incremento salarial. Os traballadores concentraránse mañán ás 11 da mañá diante da Casa do Concello de Ferrol. Sosteñen que empregados de Cespa nas cidades de Vigo ou Lugo cobran salarios superiores por realizar igual traballo. Cobran de media uns 800 euros mensuais, e a empresa reduciu unha cantidade complementaria que viñan percibindo dos 400 aos 350 euros. Segundo o secretario comarcal da UXT Juan Luis Dopico, a empresa négase a negociar cos representantes dos traballadores.
 
Curiosas maquetas de barcos expoñense no Círculo de Fene
09/10/2006
Alumnos do Colexio Centieiras de Perlío visitarán esta semana a exposición de maquetas de barcos e a de figuras de chumbo, nos locais do Circulo Mercantil e Industrial Unidade de Fene (A Coruña) . Nos locais da entidade, un dos expositores amosará cómo se funde o chumbo para lograr soldados, ciclistas ou membros da confraria da Semana Santa. A exposición de maquetas de barcos recolle prototipos realizados a partir de planos. Na maioria dos casos o modelista elabora artesanalmente en madeira todas as pezas do barco. A elaboración dunha maqueta pode levar uns seis meses de traballo, adicandolle unhas tres horas diarias. E fundamental dotarse de boas doses de paciencia antes de iniciar o labor. A mostra recolle barcos de Jorge Ardao, Manuel López Castro, Jose Luis Seoane, Juan Folgar e Francisco Fernandez Porto. Eduardo Barajas encargouse das figuras de chumbo.
 
O Concello de Fene aproba o Plan Parcial de Centieiras
06/10/2006
547 vivendas construiránse na marxe dereita da Avenida do Tarrio en Fene. Será unha das consecuencias do Plan Parcial que o Pleno da Corporación de Fene aprobou na tarde de onte. O BNG, PSOE e Esquerda Unida votaron a favor, mentras que o Partido Popular se abstivo. Un grupo de 47 propietarios das parcelas de Centieiras impulsan este Plan Parcial que ten como obxecto regular a urbanización e edificación do solo urbanizable. A Xunta de Goberno Local aprobou a proposta inicialmente o 29 de novembro do 2005. O Pleno desestimou as alegacións presentadas e procedeu á aprobación definitiva. O Plan Parcial afecta a unha superficie de 82.000 metros cadrados, algo máis que 10 campos de futbol. A cambio da construcción das 547 vivendas, os propietarios deberán ceder para viarios unha superficie de 25.500 metros cadrados, e un parque público de 10.000 metros cadrados. Tamén cederán o chan para construir máis de 100 vivendas de protección oficial. Despois da aprobación plenaria, os propietarios deben constituir unha xunta de compensación e presentar no Concello un proxecto de urbanización. Segundo o edil de Urbanismo Manuel Pico, as obras poderían comezar nos primeiros meses do 2007.
 
Preguntan pola situación dunha urbanización na costa de Valdoviño
05/10/2006
¿Cal é a situación administrativa da urbanización da Frouxeira en Valdoviño?. Esa é a pregunta que formula no Parlamento o deputado do BNG Fernando Blanco Parga. Refírese ás obras nunha parcela no entorno da Frouxeira, que pertence integramente ao LIC Costa Artabra da Rede Natura 2000, e parcialmente á zona Ramsar. A Consellaria de Medio Ambiente indicou no pasado mes de febreiro que non lle constaba solicitude para obras no entorno do espazo natural mencionado. Malia isto, a asociación ecoloxista ADEGA denunciou o inicio da construcción dunha urbanización de vivendas unifamiliares nesa zona protexida de Valdoviño. O deputado nacionalista pregunta agora se se produciu algunha inspeción na zona, cal foi o resultado da mesma e cales son as accións previstas ao respeito pola Xunta de Galicia.
 
Presentan en Neda a novela Spam de Francisco Castro
04/10/2006
“Spam” é un libro protagonizado polo director dunha empresa que se relaciona co mundo a través de Internet, do correo electrónico e dunha webcam. A novela de Francisco Castro alerta sobre a cara menos amable da rede. Spam gañou este ano o Premio Blanco Amor e presentaráse publicamente en Neda. No acto participarán o alcalde de Neda Carlos Pita, o director da Editorial Galaxia Victor Freixanes e o autor da novela gañadora do Blanco Amor Francisco Castro. A presentación principiará este venres ás oito da tarde na Casa das Palmeiras, na Avenida de Algeciras, 47 en Neda.
 
Modesta Anca dimite como alcaldesa de Cabanas
02/10/2006
A alcaldesa de Cabanas dimitirá do seu cargo. Segundo un comunicado feito público por Modesta Anca, adoptou esa decisión tras reflexionar acerca da petición feita dende o seu partido, o PSOE. A alcaldesa comunicoulle a súa determinación en Santiago ao secretario de organización socialista Ricardo Varela. Modesta Anca Rico afirma que continua confiando na xustiza e na democracia. Presentará recurso diante da Audiencia Provincial, contra a sentencia do Xulgado de Ferrol que a inhabilitou por prevaricación urbanística. Nesa nova instancia xudicial, defenderá a súa inocencia.
 
Sete raposos mortos en San Sadurniño
29/09/2006
Unha instrumentación acústica e un repertorio inspirado en melodias galegas tradicionais e de autor. Esa é a oferta básica do grupo de folc Sete raposos mortos que as 12 desta noite actuan no Pub Dzine en San Sadurniño. Compoñen a formación Xaime Villamor (gaita e frautas) Pablo Vergara (percusións) Carlos Fernández (frauta traveseira) Alex Blanco (guitarra) Tonecho Castelos (violín) Aitana Cuétara (pandeireta) e Koke Folgueira (bouzouki). A entrada ao concerto custa 2 euros.
 
Conmemoran en Caranza o Dia Mundial da Arquitectura
28/09/2006
“Arquitectura e urbanismo debense integrar nunha proposta de calidade. A resposta constructiva ás necesidades sociais debe pasar pola vontade de criar cidade e pola calidade arquitectónica”. Afirmao así a delegación de Ferrol do Colexio de Arquitectos de Galicia. O vindeiro luns conmemoran o Dia Mundial da Arquitectura. Celebrarán esa xornada en Caranza cunha charla do arquitecto Xose Manuel Rosales sobre “A vivenda colectiva, un desafio na encrucillada dos tempos”. Proxectaráse tamén o documental “Arquitectura para o fin do século”. Os actos celebraránse o luns a partir das oito da tarde no salón de actos do Centro Cívico de Caranza. A arquitectura deste barrio ferrolán saltou á actualidade o pasado xoves 21 de setembro. Por mor do temporal Gordon, saltou polo ar o tellado de dous bloques de vivendas da Rúa Fonte de Greza. A cooperativa Vitra promovera as obras, construidas por ACS coa dirección técnica do arquitecto Alfredo Alcalá.
 
Desbotan unha hipotética moción de censura en Cabanas
27/09/2006
O BNG desbota a presentación dunha moción de censura en Cabanas, ainda no caso de que se consume a expulsión do PSOE da alcaldesa Modesta Anca. O voceiro nacionalista Xose Manuel Sardiña indicou que non hai ningún tipo de sintonia coa dereita, que permitira configurar un programa de actuación e goberno conxunto. O Bloque admite como moi problemática a situación que atravesa o Concello de Cabanas. Afirma Xose Manuel Sardiña que neste momento non hai interlocutor con quén falar, e que non se divisan perspectivas de solución. 5 ediles do PSOE forman a Corporación de Cabanas, por 2 do Partido Popular, 2 do BNG e 2 da candidatura independente Iniciativa Veciñal Cabanesa. Se a alcaldesa se mantén na sua postura de non dimitir, os socialistas poderían abrir nos vindeiros dias o correspondente expediente e a conseguinte suspensión de militancia de Modesta Anca.
 
Inaugurado o Centro de Promoción da Autonomía Persoal en Bergondo
25/09/2006
O ministro de Traballo Jesús Caldera, o presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño e o vicepresidente Anxo Quintana participaron esta mañá na inauguración do Centro de promoción da Autonomia Persoal en Bergondo (A Coruña). Diferentes especialistas traballarán nesta residencia na que se percurará a recuperación de persoas con doenzas psicomotrices. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, manifestou en Bergondo a total coincidencia do Goberno galego coa filosofía da Lei de Dependencia, que supón pasar dun tratamento paternalista dos asuntos sociais a un recoñecemento da dependencia e da autonomía persoal como dereitos dos cidadáns. Quintana lembrou que a Vicepresidencia chegou a un acordo co Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais o pasado mes de xuño sobre determinados aspectos da Lei importantes para Galiza, e froito deste acordo, Quintana e Caldera asinaron un protocolo polo que, segundo destacou hoxe o vicepresidente, por primeira vez hai un recoñecemento do Estado dunha débeda histórica con Galiza, neste caso en materia de servizos e equipamentos sociais. O vicepresidente da Xunta fixo estas declaracións esta mañá en Bergondo no acto de inauguración do Centro de Promoción da Autonomía Persoal,
 
O PSOE pide a dimisión cautelar da alcaldesa de Cabanas
23/09/2006
O PSOE pídelle a Modesta Anca a súa dimisión como alcaldesa de Cabanas tras a sentencia do Xulgado de Instrucción número 4 de Ferrol. Non obstante, o secretario de organización do PSdeG Ricardo Varela sinala que os socialistas respaldarán a Modesta nos recursos xudiciais para amosar a súa inocencia. Entretanto non se publica a resolución da Audiencia Provincial diante do recurso da alcaldesa, o PSOE pídelle á alcaldesa de Cabanas a súa renuncia como unha medida exemplar e de hixiene democrática, unha mostra de compromiso coa cidadanía e co propio partido. Modesta Anca meditará a vindeira semana arredor desta petición da súa formación. O Xulgado número 4 de Ferrol condenou á alcaldesa de Cabanas por delito de prevaricación urbanística. Segundo a sentencia, Modesta Anca outorgou licencia para unha urbanización na parte alta da zona da Praia da Magdalena. Levantáronse 19 chalets adosados cando somentes se poderían ter construido 12. A finca invade a zona de protección ferroviaria e o arquitecto técnico que informou o proxecto tiña relación cos promotores da construcción. O avogado defensor da alcaldesa sinalou que a sentencia conten un erro grave. Aplica o tipo penal de prevaricación urbanística nun caso de estudo de detalle. Manifestou a súa convicción de que a Audiencia Provincial revocará este fallo en canto resolva o recurso que se presentará. Entretanto, a alcaldesa de Cabanas meditará a vindeira semana se dimite, tal e como lle ten solicitado a dirección do PSOE en Galicia.
 
O 4 de outubro finaliza o prazo de inscrición no II Slalom Eshor Fene
22/09/2006
Un total de 12 pilotos xa se inscribiron no II Slalom Eshor Fene que se celebrará o sábado 7 de outubro. Despois do éxito de organización do I Slalom celebrado o ano pasado en San Valentin, a Escudería afronta un novo reto ao programar a proba no parque empresarial de Vilar do Colo. Os promotores do slalom agardan superar a cifra da anterior edición, cando se chegou aos 32 vehiculos participantes. O prazo de inscrición fecharáse o mércores 4 de outubro. Segundo o directivo da Escudería Scracht Fene Edgar Vigo, as probas comezarán o sábado 7 de outubro coas verificacións que se iniciarán as 9 da mañá. A primeira manga de adestramento comezará ás 12 do mediodia. Despois dun descanso para xantar, ás 3 da tarde principiará a primeira manga oficial. A entrega de trofeos realizaráse a partir das 7,30 da tarde nesa mesma xornada do sábado 7 de outubro. A escudería Scracht Fene agarda poder colgar a vindeira semana en Internet a páxina do II Slalom. O cartel, as fotos e a clasificación do I Slalom pódese consultar na páxina web: http://perso.wanadoo.es/edgarvigo/slalom/
 
O tellado dunha urbanización en Caranza voa co temporal
21/09/2006
A caida do tellado de dous edificios na zona de Telleiras en Ferrol foi o desperfecto máis grave causado esta mañá en Ferrolterra. A urbanización Auditorio da ferrolá Rúa Fonte de Greza veu como o seu tellado voaba e ia parar á Rua G. A edificación contaba só con 3 anos, o que provocou sorpresa e indignación nos seus inquilinos. Os viciños dun total de 67 vivendas foron desaloxados. O Concello ferrolá contratou a unha empresa para repoñer a cuberta do edificio e busca realoxo para os inquilinos do terceiro andar. O seu domicilio está a ceo aberto, e estudan entablar accións xudiciais contra a constructora das vivendas ACS, contra o arquitecto do proxecto Alfredo Alcalá e subsidiariamente contra o Concello de Ferrol. Os tellados caidos provocaron desperfectos considerabeis nos vehiculos aparcados nesta zona situada fronte as obras do Auditorio de Ferrol. Unha arbore caida enriba dunha marquesina na Avenida das Pias en Fene, a caida dunha chapa do tellado do Centro de Saude de Maniños e da cheminea do local social Juan Varela de Limodre son outros dos destrozos causados polo temporal Gordon esta mañá en Ferrolterra.
 
A caida dun tellado en Caranza provoca desperfectos en vehiculos e vivendas
21/09/2006
En Ferrol un eucalipto caeu na avenida das Pias á altura da gasolineira cortando un dos carrís ca calzada. Tamén no centro da cidade departamental antenas de Televisión e tellas caeron á via pública na praza de Amboaxe. Un tellado dun edificio veuse abaixo asimesmo na Praza de Ultramar. As centraliñas telefónicas dos Bombeiros e da Policia local de Ferrol desbordábanse a primeiras horas da mañá. En Irmandiños, o vento derribou catro arbores o que provocou o corte da circulación. Os contedores de lixo volcados tamén eran tónica habitual nas rúas do barrio de Caranza. Na Rúa Fonte da Greza deste barrio ferrolán caeu o tellado de dous edificios, provocando importantes desperfectos en seis vehiculos e nas vivendas colindantes. Os bombeiros desaloxaron aos viciños que habitan nestas casas, fronte ás obras do Auditorio, na zona das Telleiras. As imaxes eran espectaculares a primeiras horas da mañá. A Policia municipal de Narón detectou a primeiras horas desta mañá a caida de árbores sobre a calzada en distintos viais da zona. Nas inmediacións do polideportivo da Gándara un eucalipto cortaba o tráfico, segundo informaban os axentes locais. A Policia municipal de Mugardos detectou pequenos incendios a primeiras horas da mañá. Cables do tendido eléctrico caidos provocaron eses lumes que foron controlados sen problemas. Unha arbore caeu na Avenida das Pias en Fene á altura do antigo hostal Perlío. O eucalipto deitouse sobre unha marquesina e unha cabina de teléfonos, onde se atopaba unha persoa recargando un móbil. Afortunadamente non se rexistraron danos persoais. As Policias locais insisten na recomendación de non sair á rúa, salvo naqueles casos nos que sexa estrictamente necesario.
 
Movilización en defensa das auxiliares do naval
20/09/2006
Reducir custes é a única preocupación dos directivos de Navantia e dos seus responsabeis políticos. Afirmouno así esta mañá o presidente do comité de empresa do estaleiro ferrolán Ramiro González. Os sindicatos convocan para o mércores 27 unha movilización cidadán en defensa do emprego nas compañias auxiliares. Os comités de empresa de Navantia Ferrol e de Montaxes Nervión ofreceron este mediodia unha rolda de prensa conxunta na cidade departamental. Denunciaron o que califican como unha estratexia política para beneficiar a determinadas empresas auxiliares e perxudicar a outras. Os sindicalistas piden a intervención decidida da Xunta de Galicia para lograr o mantenemento do emprego nas auxiliares en xeral, e en Montaxes Nervión en particular. Montaxes Nervión (MONESA) despediu o pasado 16 de xullo a 167 empregados en Ferrolterra alegando falta de carga de traballo, ao finalizar as subcontratacións que viña desenvolvendo na factoria naval. O comité de empresa de Navantia Ferrol tamén denuncia o bloqueo da negociación colectiva. Nese terreo enviarán un escrito ao presidente de Navantia Juan Pedro Gómez Jaen solicitando a súa intervención nos contactos para intentar a búsqueda de puntos de confluencia.
 
Convocan o Certame de poesia Pérez Parallé
18/09/2006
O prazo de presentación de traballos remata o vindeiro 30 de setembro. O Circulo de Fene convoca este certame destinado a premiar un libro de poesia inédito. Colabora na organización o Concello de Fene e a Editorial Espiral Maior. E requisito para participar, non ter publicado ningún libro individual de poesía. Porén, admítense traballos presentados por persoas que publicasen previamente algún libro en edición de autor. Os autores participantes presentarán un libro de poesia en lingua galega. Os textos virán por triplicado debidamente encadernados ou grampados, identificados con pseudónimo e acompañados de plica. Os traballos enviaránse ao Circulo de Fene, na Rúa Porto do Rio, 21. San Paio. 15500 FENE (A CORUÑA). O premio consistirá na edición do libro na Colección de Poesía Espiral Maior.A primeira edición constará de 800 exemplares. O prazo do Pérez Parallé remata o sábado 30 de setembro.
 
Mariscadores cortan os accesos a Ferrol
15/09/2006
Grupos de mariscadores cortaron esta madrugada os accesos a Ferrol en protesta polas restriccións á súa actividade. Colocaron barricadas con neumáticos ardendo despois das 5 da mañá en Catabois, na estrada da Trincheira, en Freixeiro, na saida da autopista de Neda e na avenida das Pias. Os servizos de Bombeiros de Ferrol apagaron o lume e empregados de Urbaser retiraron os restos das barricadas, restablecendose a normalidade na circulación arredor das 7 da mañá. Os mariscadores protestan pola aplicación dunha normativa europea que restrinxe a comercialización da ameixa extraida das zonas de posibel contaminación. A confraría de Ferrol reclama que a Xunta de Galiciia compense polo descenso dos ingresos dos mariscadores a partir da entrada en vigor desa medida aplicada dende o dia de onte.
 
Polémica pola escola infantil de Caranza
14/09/2006
A Vicepresidencia da Xunta anima ao alcalde de Ferrol Juan Juncal a comezar canto antes a construcción da escola infantil de Caranza. Segundo Anxo Quintana, ten asegurado o apoio do goberno autónomo. Dende a Vicepresidencia lembran as duas vias existentes para xestionar as escolas infantís, a través do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar, ou ben de maneira autónoma e concorrindo ás ordes de subvención que publica cada ano a Xunta. A Xunta indica que recibiu o proxecto das obras con data 6 de xuño. Os servizos de inspección da Vicepresidencia detectaron algunhas deficiencias, que xa lle foron comunicadas ao Concello. Pola súa banda o goberno local de Ferrol asegura que a anterior responsable de Servizos Sociais da Xunta comprometérase a subvencionar este proxecto, pero agora o goberno autónomo non enviou ningunha comunicación administrativa oficial. Acusan de chantaxe á Vicepresidencia da Xunta pola súa actitude en torno a este proxecto da escola infantil de Caranza.
 
As orquestras Trebol e Principes animarán as festas do Puntal en Neda
13/09/2006
As orquestras Trebol e Principes amenizarán este ano as festas do Puntal. Como é tradicional celebraránse en honor á Virxe da Mercé o venres 22, sábado 23 e domingo 24 do presente mes de setembro. O mesmo venres un grupo de gaitas da Asociación Basilio Carril percorrerá este barrio de Neda. As nove da noite iniciaráse unha mexilonada. A orquestra Trebol encargaráse da animación musical o sábado, e Os Principes o domingo. Ese dia haberá ademais á unha do mediodia misa solemne, con procesión se o tempo o permite.
 
Expectación diante do anuncio da actuación de Antonio Vega
12/09/2006
Moita expectación despertou o anuncio da actuación de Antonio Vega no marco do Fenerock en San Valentín. O ex compoñente de Nacha Pop actuará arredor das doce e media da noite, conxuntamente con Los Limones, dacordo coas previsións horarias da organización. Mentras os restantes grupos participantes agradecen a oportunidade que se lles presenta ao tempo que se queixan da escasa cultura musical da comarca. As previsións de horario da organización son as seguintes: Venres 15 de setembro: 21 horas. Rock Away (A Coruña) 21,55. Abasto (Fene) 22,50. Meu (A Coruña) 23,45. Mu2 (Fene) 00,40. Los Limones e Antonio Vega. 02,00. Los Tigres del Cañotas. Sábado 16 de setembro: 22 horas. Lost Psychotics (Valdoviño) 23,00. Los Crueles (A Coruña.) 00,00 Amadeus (Fene) 01,00 Sónicos (Ferrol) 02,00 Lunáticos (Murcia) Todos os concertos ofreceránse na carpa instalada no paseo marítimo de San Valentin en Fene (A Coruña).
 
2 viciños de Narón e 1 de San Sadurniño falecen en accidente en Lugo
11/09/2006
Dous viciños de Narón e 1 de San Sadurniño faleceron esta mañá nun accidente de tráfico en Lugo. Un coche e unha furgoneta colisionaron ás 8,15 desta mañá na estrada local 541 que une Rábade e Vilalba. Fontes da Garda Civil de Tráfico informan de que se tratou do choque dun camión contra unha furgoneta. O sinistro tivo lugar á altura do termino municipal de Begonte. A furgoneta invadiu o carril contrario e colidiu cun camión. Os tres ocupantes da furgoneta faleceron no instante. Unha dotación de Bombeiros tivo que desprazarse ao lugar para excarcelar aos ocupantes do vehículo. A Garda Civil de Lugo confirmou que os falecidos son Ramón Seoane Abad, de 49 anos e o seu fillo David Seoane López de 19 anos, naturais de Narón que viaxaban na furgoneta. Tamén morreu David Rodriguez López, de 23 anos e viciño de San Sadurniño que conducia o vehículo. Dirixianse a Outeiro de Rei para traballar nunha obra de saneamento. Resultaron asimesmo feridos outros dous ocupantes da furgoneta C.G.O. de 31 anos, viciño de Vilagarcia de Arousa e A.M.R. de 40 anos, natural de Carballo. O conductor do camión, I.M:M., de 29 anos viciño de Barcelona, resultou ferido leve. As causas do accidente ainda están por determinar.
 
O ministro de Xustiza no Museo do Humor
08/09/2006
O Museo do Humor de Fene contén dende onte unha nova obra. O ministro de Xustiza do Goberno de Zapatero, Juan Fernando López Aguilar, enviou unha das súas xa célebres caricaturas para incorporala a unha colección con máis dun milleiro de orixinais entre os que se contan firmas galegas e de todo o mundo. A caricatura de López Aguilar presenta a un “bambi” pastando tranquilamente, mentres é sobrevoado por Aznar montado sobre un misil, do que colga Rajoy. Segundo o director do Museo Xaquín Marín, a calidade do debuxo de Aguilar é evidente .
 
Prepárase o II Slalom Eshor Fene
07/09/2006
O Segundo Slalom Eshor Fene celebraráse o sábado 7 de outubro en San Valentin. A escudería Scratch Fene establecerá uns trofeos especiais á mellor tracción traseira, ao debutante e á mellor participante feminina. Nesta xornada abrese o prazo de inscripcións, entre os participantes que queiran participar na proba. Despois do éxito de organización e de público rexistrado no I Slalom, os organizadores esperan manter o nivel conseguido para poder manter a exhibición de Fene, dentro do Campeonato Galego de Slalom.
 
Antonio Vega actuará no Fenerock a vindeira semana
06/09/2006
O ex compoñente de Nacha Pop Antonio Vega actuará no Fenerock en San Valentín a vindeira semana. O festival desenvolveráse o venres 15 e sábado 16 no paseo marítimo de San Valentin en Fene. A organización do Fenerock fechou esta semana a contratación de Antonio Vega. Tocará en San Valentín acompañado de Los Limones, o que representa un salto de calidade para o festival de Fene. Antonio Vega ven de publicar o seu disco “3.000 noches con Marga” e colaborou en diferentes produccións discográficas con Rosario ou con Amaral, entre outros. Tocou tamén este ano no Estadio Vicente Calderón no concerto conmemorativo do 40 aniversario dos 40 principales. O músico de “Chica de ayer” e de tantas outras cancións da década dos oitenta e dos noventa tocará o venres 15 en San Valentín. Ademais subirán ese dia ao escenario Rock away e Meu da Coruña, Abasto, Mu2 e Los Tigres del Cañotas de Fene e Los Limones de Ferrol. O sábado actuarán no Fene Rock Lost Psychotics e Los Crueles da Coruña, Amadeus de Fene e Los Sónicos de Ferrol. O prato forte do segundo dia do festival o constituirán os Lunáticos de Murcia, unha banda liderada por Santiago Campillo (ex de Mclan). Como en edicións anteriores haberá proxeccións audiovisuais e feira de exposición e venda de artesanía en San Valentín. Os organizadores programan ademaís un concerto de corais, unha xuntanza moteira e unha exhibición de cans amaestrados a cargo da sección cinolóxica do Tercio Norde. Como novidade este ano o festival retransmitiráse en directo e de xeito íntegro a través de Internet, podendo seguirse na web http://irisproduccions.com/fenerock . Esta emisión conta co patrocinio das empresas de Ferrol Net works e Iris Produccións. Organizan o Fenerock a asociación do mesmo nome, o Centro de Promoción Social de San Valentín e o Concello de Fene. O seu orzamento rondará os 18.000 euros, destinados de xeito fundamental á contratación dos grupos participantes. A carpa instalaráse na zona situada entre o colexio A Xunqueira e o pavillón polideportivo. Habilitaráse tamén zona de acampada libre nas inmediacións.
 
Anxo Quintana salienta a calidade humana e o compromiso civico de Pancho Allegue
05/09/2006
Calidade humana e compromiso cívico. Esas foron as duas cualidades de Pancho Allegue que máis salientaron os dez oradores que onte participaron na homenaxe ao tenente de alcalde de Fene. O vicepresidente da Xunta Anxo Quintana salientou que sempre lle plantou cara a situacións dificiles da vida. A Praza do Concello de Fene encheuse na tarde de onte de viciños e viciñas que quixeron sumarse á homenaxe ao concelleiro falecido o catro de setembro do 2005. Un dos seus familiares resumiu en poucas palabras o sentimento de todos os asistentes: E moi dificil de esquencer . Para a conselleira de Cultura e Deporte Anxela Bugallo, Pancho era tamén un amigo. Por iso o acto de onte foi para ela especialmente emotivo. O vicepresidente da Deputación da Coruña Xaime Bello salientou para Radiofusión o caracter dialogante de Allegue. Sempre foi un exemplo e unha persoa cercana, segundo Xaime Bello. O senador do BNG Francisco Jorquera destacou ao remate do acto a calidade humana do malogrado concelleiro. Unha virtude acumulable á súa valía política, segundo Francisco Jorquera. O deputado de Cultura Celestino Poza compartiu con Pancho a xestión da Formación Ocupacional dende os Concellos de Culleredo e de Fene. Xuntos viviron momentos complicados da xestión política, pero tamén compartiron moitos soños. O de onte foi un acto cargado de emoción, para Celestino Poza. Interviron representantes de todos os grupos políticos presentes na Corporación (EU, PP, PSOE e BNG), o presidente da Asociación de Viciños de Limodre Xesús Bello en representación do movemento asociativo, o secretario xeral da CIG Xesús Seixo, o sindicalista Manuel Mera e a xornalista Maria Xesús Arias, ademais do alcalde de Fene Xose María Rivera. O vicepresidente da Xunta Anxo Quintana gabou a conciencia limpa e honrada de Allegue. Referiuse ao tenente de alcalde de Fene como aquel que sabe traballar sen descanso polo benestar dos viciños. Radiofusión emitirá ás tres e media desta tarde o acto en homenaxe ao concelleiro de Fene falecido hai un ano. O xoves da vindeira semana, dia catorce, o movemento asociativo de Fene rendirá tamén tributo e lembranza a Pancho Allegue. Descubrirán unha placa conmemorativa no Parque Castelao.
 
Francisco Allegue: Historia dun compromiso
04/09/2006
“Area de Formación Pancho Allegue”. Chamaráse así este departamento municipal do Concello de Fene dende esta tarde. As seis e media da tarde descubriráse a placa con esa denominación na Praza do Concello. Tamén se presentará o libro “Pancho Allegue, historia dun compromiso”. O vicepresidente da Xunta Anxo Quintana, a conselleira de Cultura Anxela Bugallo e o secretario xeral da CIG Xesús Seixo teñen confirmado a súa presencia neste acto. Ao remate do mesmo, repartiranse entre os asistentes exemplares da publicación. O Concello de Fene quere con este acto rendir homenaxe ao compromiso cívico de quén foi o seu primeiro tenente de alcalde, falecido de xeito repentino o 4 de setembro do 2006.
 
Remataránse as beirarruas en Maniños, Barallobre e Perlío
01/09/2006
A Xunta de Galicia ven de adxudicar as obras de urbanización dun novo tramo da estrada da Palma ao seu paso por Fene. Remataranse as beirarruas por ambas marxes da calzada dende Perlío ata O Penedo en Barallobre. Ademais construiránse tamén aceiras e abastecemento de augas en Maniños pola marxe esquerda da calzada dende a ponte do Rio Ba ata San Xoan de Piñeiro no límite co término municipal de Mugardos. Segundo informa o Concello de Fene, a obra adxudicouse á empresa Ponciano Nieto cun presuposto de 450.000 euros. Para o inicio da actuación, somentes resta agora a firma do contrato coa administración autonómica. O prazo de execución alcanza os seis meses. Os representantes municipais de Fene levan anos demandando o remate da urbanización da estrada da Palma, dado que é un vial que soporta moita circulación por zonas densamente habitadas. A construcción das beirarruas implicará unha maior protección para os peóns que circulan por esta estrada que presentaba varios “puntos negros” de tráfico. O alcalde Xose María Rivera insisteulle nesta demanda nunha entrevista mantida o pasado mes de abril co delegado provincial da Conselleria de Política Territorial Jacinto Parga. Agora, Maniños, Perlío e Barallobre contarán con eses novos tramos de beirarrúas nun prazo de seis meses.
 
Mexillonada do Mantón en Viladóniga Vilasanche
31/08/2006
Deporte, música e comida. Non faltará de nada na Festa do Veciño que este sábado celebran en Viladóniga Vilasanche. A Asociación de Viciños desta parroquia da zona rural de Ferrol organiza este evento por decimosexta ocasión. O programa comezará cun gran marathon popular a partir das once da mañá. Tras a proba de atletismo, virán os xogos e a diversión para pequenos e grandes. As pezas do mediodia correrán a cargo de Joselo. As cinco da tarde comezará unha marcha cicloturista, e media hora máis tarde principiará a final do campeonato de chave. Arredor das oito e media procederáse á entrega dos premios aos vencedores das distintas competicións. Todo concluirá coa verbena do Mantón amenizada por Joselo e cunha gran mexillonada gratuita que se iniciará ás nove da noite.
 
Mugardos lembra a Paco Filgueiras
30/08/2006
Comisións Obreiras organiza para este sábado uns actos de lembranza de Francisco Fernández Filgueiras, un dos fundadores do sindicato na comarca de Ferrol falecido hai trinta anos. A homenaxe contará coa presencia da conselleira de Cultura e Deportes Anxela Bugallo e consistirá nunha ofrenda floral no cemiterio de Mugardos e un acto cívico no Casino da localidade. Paco Filgueiras morreu o 2 de setembro de 1976, con 56 anos, ao mes seguinte de volver do exilio. Nacera en Mugardos en 1920. Entrou a traballar en Bazan en 1937 e alí interveu directamente na fundación das Comisións Obreiras na década dos anos sesenta. Participa tamén na organización do Partido Comunista de Galicia. Paco Filgueiras coñece ao guerrilleiro Pancho e colabora na folga do aceite de 1946. En 1970 sofre a detención, o cárcere e a tortura que deixará graves secuelas na súa saúde. Despois dos sucesos de marzo do 72 en Ferrol, Paco pasa á clandestinidade, exiliase en Francia e retorna en agosto do 76. Ao seu enterro acudirán máis de 10.000 persoas, como testemuña do aprecio que xenerara a súa figura na comarca. Paco Filgueiras, artífice da organización do movemento obreiro na comarca nos tempos do franquismo.
 
En lembranza de Pancho Allegue
29/08/2006
O Concello de Fene organiza para o vindeiro luns 4 de setembro un acto institucional en lembranza do tenente de alcalde falecido hai un ano Pancho Allegue. Ese dia, designaráse á area de Formación do Concello co nome do edil nacionalista. Ademáis presentaráse o libro Pancho Allegue, historia dun compromiso . Francisco Allegue Tenreiro “Pancho” naceu en Magalofes (Fene) o 7 de xuño de 1959. Morreu de xeito repentino, victima dun infarto de miocardio, no seu domicilio o 4 de setembro de 2005. Eses 46 anos foron un exemplo de compromiso coa sociedade que lle tocou vivir, pero especialmente cos máis desfavorecidos, coas victimas das inxustizas. Formou parte do comité de empresa de Astano (antes consello de delegados) dende 1978 e durante máis dunha década. Presidiu a Asociación de Viciños de Fene dende 1984 ata 1987. Entrou a formar parte da Corporación local en 1987 e ocupou distintos postos no Concello ata o seu falecemento, cando desempeñaba a primeira tenencia de alcaldía da localidade. No seu posto do comité de empresa de Astano defendeu con enerxia os postos de traballo no estaleiro, ao longo de todo o proceso da reconversión naval. Máis tarde, xa na Corporación Local, a criación de emprego e de expectativas para a xuventude foi tamén unha das súas principais metas. As sucesivas Escolas Obradoiro, os Talleres Ocupacionais e as múltiples ofertas formativas tiveron en Pancho Allegue a un dos seus impulsores fundamentais.
 
Contra o peche da escola de Cervás
28/08/2006
Os viciños de Cervás en Ares amosan a súa disconformidade co peche da Escola Unitaria da localidade. Solicitan que o Concello aresán xestione diante da Consellería de Educación o mantenemento deste centro escolar que atende a nenos e nenas de idades situadas entre os 3 e os 6 anos. Se se confirma o peche da escola, os rapaces terán que acudir ao centro urbano de Ares.
 
Xinetes de Holanda na Festa de Magalofes
25/08/2006
Un grupo de xinetes con cabalos e enganches procedentes de Holanda teñen confirmado a súa participación este domingo na Festa do Cabalo de Magalofes en Fene. Arredor de 10.000 persoas e 500 cabalos daránse cita ao longo de todo o dia nun evento que cumpre xa 16 anos. Os concursos de beleza e estampa comezarán as 10,30 da mañá. Logo sucederánse as probas de arrastre, exhibicións de doma, concursos de enganches, probas de trotóns e andadura galega.
 
Pontedeume, 1936: Neno, coida da túa nai
24/08/2006
Neno, coida da túa nai díxolle Manuel Serantes ao seu fillo de catro anos cando o levaban para fusilar en xullo de 1936 en Pontedeume. Ia esposado por unha praza da vila eumesa e non o deixaron nen despedirse. Contouno así o seu fillo Jose Manuel Serantes a quen lle quedaron grabadas as últimas palabras e a última imaxe do seu proxenitor. Foi un dos representantes de máis de 20 victimas do franquismo que deron a súa testemuña pública no acto celebrado no porto de Ferrol no dia de onte.
 
Grafiteiros decoran o campo de futbol de Cedeira
23/08/2006
Un total de 17 grafiteiros convertirán mañán xoves os muros do campo de fútbol de Cedeira nunha obra de arte ao ar libre. Trátase dunha actividade organizada pola concellería de Cultura da vila na que participarán estudantes de Belas Artes para decorar 80 metros de valado con novas expresions de arte urbano. A actividade da inicio ao programa Art na rua, que continuará o venres cun espectáculo de maxia, e o sábado cun concurso de pintura rápida. Facilitan máis información na Oficina de Turismo de Cedeira no número de teléfono 981 482187.
 
Costas inicia o aporte de area ás praias de Limodre
22/08/2006
A demarcación de Costas iniciou o aporte de area na praia de Rio Sandeo en Limodre en Fene. Con eses traballos preténdese aumentar a zona habilitada para os baños de sol, reducida na actualidade sobor de todo na pleamar. Empregados da empresa Tragsa proceden á descarga e distribución da area na praia, comezando o labor pola marxe dereita do areal. O Concello de Fene reclamoulle a Costas o aporte de area as praias de Rio Castro, Almieiras, Coido e Rio Sandeu na parróquia de Limodre, no pasado mes de febreiro. O Concello de Fene comparte a praia de Rio Castro co Concello de Cabanas e a de Rio Sandeu co de Ares. Os outros dous areais de Limodre –Almieiras e Coido- pertenecen integramente ao término municipal de Fene, asomandose á ría de Ares. Estas praias contan con servizo de limpeza nos meses de verán, duchas, área de aparcamento para vehículos e rampas de acceso. O municipio fenés pretende levar no prazo dun ano a traida de auga potable ás duchas xa instaladas en Almieiras e Rio Sandeo.
 
A Policia local, co ollo avizor tras o roubo do sábado
21/08/2006
A Policia local e a Garda Civil de Fene continuan coas investigacións en torno ao roubo frustrado nunha vivenda acaecido o pasado sábado. As pesquisas céntranse en averiguar onde vivían e quén trouxo ata esta zona aos 2 adolescentes detidos cando intentaban sustraer obxectos de valor nun domicilio. Segundo a alcaldesa accidental Alicia Martinez, trátase dun suceso puntual e non parece que se poida xenerar alarma social polos feitos. Os menores foron recollidos e tutelados pola Xunta de Galicia. Os feitos acaeceron na mañá do sábado nunha vivenda situada na Avenida de Conces en Fene. No interior do domicilio se encontraba unha adolescente que deu aviso telefónico ao seu pai e a un viciño, ao escoitar como forzaban a porta cun desparafuxador O viciño puido reter a un dos xoves e deu a voz de alarma cando veu ao outro rapaz ás poucas horas polas rúas de Fene. Os adolescentes aseguraron ser de nacionalidade croata e residir nun poboado marxinal de Madrid.
 
Dixebra pechará o Festival Irmandiño de Moeche
18/08/2006
Un son forte, cun amplo mestizaxe musical, bebendo das fontes da tradición, do celtismo e do rock. Así autodefine a súa música, Dixebra, o grupo asturiano que mañán sábado fechará o festival irmandiño de Moeche. As actuacións comezarán na pradera habillitada nas inmediacións do castelo dos Andrade ás dez da noite do sábado. Tocará a esa hora Fiandola, que deixarán paso a Irtio e a Leilía. Fechará o Irmandiño de Moeche os asturianos de Dixebra. O escritor de Neda Vicente Araguas encargaráse da lectura do pregón e a media noite, realizaráse o asalto á fortaleza. O Festival Irmandiño vense celebrando en Moeche dende 1980 para lembrar a revolta irmandiñoa ocurrida en 1431.
 
Un grupo de arqueólogos exhuman os restos das victimas das Barosas
17/08/2006
Un grupo de arqueólogos da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica intentará a vindeira semana exhumar os restos das 4 victimas dun tráxico episodio ocurrido en Ferrolterra na guerra civil. Os coñecidos como sucesos das Barosas acaeceron nas Pontes o 22 de agosto de 1936. Ese dia un grupo de falanxistas achégase á casa de Manuel Ramos Fernandez, concelleiro na vila, de 66 anos de idade. Matanno diante da casa, xunto co seu fillo Manuel Ramos Ferreiro. Segundo o historiador Bernardo Máiz, despois os da Falange violaron a unha filla, e subiron nun carro á nai, á filla e ao fillo para levalos ao cemiterio da vila. No camposanto mataron a tiros á nai Juana Ferreiro e ao outro fillo Jose Ramos. O cura párroco evitou a morte da filla meténdoa na casa reitoral. A familia interpuxo denuncia contra os falanxistas implicados que foron xulgados. O Tribunal Militar absolveunos en 1942 por considerar que a súa actuación fora en acto de servizo.
 
La Oreja de Van Gogh non actuará na Festa da Orella
14/08/2006
O grupo La Oreja de Van Gogh non actuará finalmente na Festa da Orella de Limodre. Fontes da organización confirmaron esta mañá a Radiofusión que os problemas de axenda impedirán aos de San Sebastián achegarse a esa parróquia de Fene. En Limodre repartiranse este venres máis de 600 racións de orella de porco, con chourizos e patacas a prezos populares. En lugar de La Oreja actuarán o músico Saavedra e o duo Caribe. Os actos comezarán ás 9,30 da noite deste venres 18 de agosto na pista polideportiva de Limodre, en Fene, na Coruña. A Asociación de Viciños de Limodre non desbota realizar un esforzo especial para o vindeiro ano e poder contar en vivo e en directo con La Oreja .
 
As lapas na zona rural de Ferrol
11/08/2006
Os incendios chegan a Ferrolterra. Quedou totalmente apagado o lume desatado en Montefaro entre os Concellos de Ares e Mugardos, pero a primeiras horas da mañá habia un incendio activo en San Sadurniño. Na zona rural de Ferrol houbo lume durante toda a noite e boa parte da mañá. Segundo datos da Consellería do Medio Rural, esta mañá detectábanse lumes controlados en Cerdido, Moeche, Ferrol e Valdoviño. A Xunta alertaba asimesmo as sete da mañá dun lume activo en San Sadurniño, concretamente na serra do Forgoselo. Pouco despois o incendio estaba totalmente apagado segundo nos comunican viciños da zona de Igrexafeita. Na tarde noite de onte tamén quedou apagado o lume de Montefaro nos Concellos de Ares e Mugardos. Dende o servizo de Bombeiros de Ferrol informaban este mediodia que quedou sofocado o lume detectado na zona das Canteiras na subida da Bailadora. Alí traballou persoal do servizo contra incendios e arredor das doce e media deste mediodia o lume considerábase extinguido. A mesma hora, os bombeiros ferroláns recibían unha chamada veciñal do lugar da Lagoa. Alertaban dunha columna de fume apreciable dende lonxe. Desprazouse alí un vehiculo do servizo contra incendios.
 
O lume azouta San Sadurniño
11/08/2006
Os incendios chegan a Ferrolterra. Quedou totalmente apagado o lume desatado en Montefaro entre os Concellos de Ares e Mugardos, pero hai un incendio activo en San Sadurniño. Segundo datos da Consellería do Medio Rural, esta mañá detectábanse lumes controlados en Cerdido, Moeche, Ferrol e Valdoviño. A Xunta alerta asimesmo dun lume activo en San Sadurniño. Pola contra na tarde de onte quedou apagado o lume de Montefaro nos Concellos de Ares e Mugardos.
 
O lume chega a Ares e a Mugardos
10/08/2006
Unha espesa nube de fume cubre a esta hora Montefaro, entre os Concellos de Mugardos e Ares. As lapas diríxense cara ás antenas de telefonia móbil e os repetidores de televisión ubicados nas cercanias do mosteiro e tamén cara o Castelo da Palma. O lume desatouse a primeiras horas da tarde de onte no núcleo de Cervás en Ares. Dende ali propagouse en dirección ao cumio do monte e cara á praia de Chanteiro. Efectivos de Protección civil e dos servizos de contra incendios de toda a comarca permanecen na zona, intentando apagar o lume. A Xunta de Galicia habilitou un teléfono ao que poden chamar as persoas dispostas a colaborar como voluntarios nos traballos de extinción do lume.
 
Atención á terceira idade no Círculo de Xubia
09/08/2006
Queren instalar no Círculo de Xubia un centro de dia para atención á terceira idade. Esa é a proposta formulada polo BNG de Neda. O Bloque solicita en primeiro lugar a elaboración dun estudo por parte dos servizos técnicos municipais para avaliar o custe da posta en marcha e mantenemento desa iniciativa. Os nacionalistas suxiren ademais acollerse a unha liña de axudas publicada pola Deputación da Coruña. Segundo afirman, a subvención para este tipo de instalacións pode chegar ata o 80% do presuposto total. Nestes momentos unha entidade bancaria ten embargado o local do Círculo de Xubia. O Pleno do Concello de Neda xa debatiu hai uns anos a posible adquisición da sede da entidade, valorada daquela en 180.000 euros. Naquela ocasión desestimárase esa opción, ao estimar os concelleiros do BNG e do PP que non se presentaba unha proposta clara de usos para esa edificación.
 
Pablo Milanés trunfa a pesar da gripe
07/08/2006
Un concerto romántico, intimista e poetico ofreceu Pablo Milanés onte á noite no Parque Municipal Raiña Sofia de Ferrol. O músico cubano combinou con acerto cancións do seu último disco En los campos de maiz coas pezas máis tradicionais e mais coñecidas dos seus seguidores. A gorxa adoecida, cuberta por unha gran bufanda para salvagardar a gripe, acentuou o caracter humano do autor de Yolanda . Pablo somentes concedeu un bis cantando Para vivir e disculpandose diante do público polo que calificou como a voz dun can .
 
Os xovenes estamos a gusto cos nosos pais, segundo Rosa Muñiz
04/08/2006
“Estamos a gusto cos nosos pais pola súa maior permisividade” afirma a investigadora da empresa Cidadanía Rosa Muñiz Castro, Segundo a licenciada en Ciencias Políticas, iso non quere dicir que non busquemos unha maior independencia. Para Rosa Muñiz, “ a carestia da vivenda e a precariedade laboral” son os factores que retrasan a emancipación dos xovenes galegos. A investigadora social comentou en Radiofusión os datos do Anuario 2005 do Observatorio Xove da Vivenda, elaborado polo Consello da Xuventude de España. Segundo a citada fonte, o 67% da poboación xove de Galiza non se emancipou. Ainda que o ano pasado o volume de xoves emancipados en Galicia, experimentou un medre maior ao do Estado Español ( + 9,07%), tan só Asturias e Cantabria teñen unha menor taxa de emancipación entre os menores de 35 anos. Os xovenes galegos deben adicar un 43% do seuu salario á hora de adquirir unha vivenda.
 
Carreira de supercross o martes 15 na Capela
02/08/2006
Unha proba puntuable para o campeonato galego de supercross celebraráse o martes quince en Vilar de Mouros na Capela. O piloto de Fene Román Pérez competirá nesta carreira despois de alcanzar o campeonato de España na categoria SX 2. Román alzouse co trunfo tras unha dura loita cos pilotos Joan Cros e Juan Pérez de la Torre na carreira de Alicante. Segundo a revista Motociclismo do presente mes de agosto, o galego seguiu unha traxectoria impresionante esta temporada. Román venceu en Galicia as duas mangas clasificatorias fronte aos seus dous grandes rivais. En Alicante sentenciou o titulo, despois dunhas últimas voltas de infarto. A proba de Vilar de Mouros ten confirmada a súa asistencia Joan Cros, ademais de Adrián Garrido, Jorge Bravo e Javier Fernández. A proba puntuable para o campeonato galego de supercros terá lugar o martes quince. As once da mañá comezarán os adestramentos e as seis da tarde a carreira. No circuito de Vilar de Mouros na Capela.
 
Investigación actualizada sobre a represión franquista
01/08/2006
“Guerra civil e represión en Ferrol e comarca”. Chámase así o volume do historiador Xose Manuel Suarez, detallando a violenta represión desatada en Ferrolterra nos meses posteriores a xullo de 1936. O investigador cedeirés publicou o libro, editado polo Concello de Ferrol en 2002, tras analisar os libros de defuncións da práctica totalidade da comarca e numerosas causas xudiciais e Consellos de Guerra. Tamén consultou fontes orais de familiares das victimas. Agora, neste ano da memoria, Xose Manuel Suárez colga na rede unha versión actualizada desta publicación. Pódese ler de xeito integro na páxina www.leergratis.es, unha iniciativa da Central Librera da Rúa Dolores de Ferrol.
 
Budiño e Ávalon nos concertos do verán de Fene
28/07/2006
Xose Manuel Budiño e Ávalon achéganse a Fene esta fin de semana. Terémolos en concerto, na praza do concello, mañá sábado a partires das dez da noite, froito dun convenio de colaboración entre o programa “Vai de camiño” do Xacobeo 2006 e a Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia. O gaiteiro Budiño aproveitará o seu paso por Fene para presentar o seu terceiro traballo discográfico Zume de Terra, o primeiro no que asumiu integramente as labores de composición, arranxos musicais, produción e gravación. Ávalon, pola súa parte, interpretará os temas do seu novo album, Beltaine, un disco cheo de novos ritmos “que potencia a súa frescura e a súa espontaneidade co que sorprenderán aos seus seguidores e co que pretenden afianzarse nun estilo propio cada vez máis consolidado”.
 
Comeza a segunda operación saída de Tráfico do verán
28/07/2006
Ás tres desta tarde ponse en marcha unha nova operación especial de tráfico con motivo do inicio das vacación do mes de agosto. A Dirección Xeral de Tráfico agarda que se produzan máis de oito millóns de desprazamentos por estrada nesta campaña especial que hoxe comeza e que incluirá medidas excepcionais como a supresión de obras nas estradas durante as horas de maior intensidade de tráfico, a disposición de carrís adicionais naquelas zonas que o requiran ou a disposición de tódolos efectivos dispoñibeis da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, amais duns 400 funcionarios e persoal técnico especializado que se ocupará das labores de supervisión, regulación e información. A DXT lembra que, nesta mesma operación, o ano pasado, rexistráronse 32 accidentes nos que faleceron 40 persoas e 30 resultaron feridas graves. Somentes na xornada do pasado 30 de xullo, 16 persoas perderon a vida. O número total de falecidos nas estradas españolas durante o mes de agosto do 2005 ascendeu a 342, e se falamos de todo o verán, a cifra medrou ate os 667.
 
Días Azuis no teatro Jofre
27/07/2006
O concello de Ferrol ponse de gala para a estrea esta noite, no teatro Jofre, da película Días Azuis, o novo filme de Miguel Santesmases, con Óscar Jaenada, Javier Pereira, Javier Ríos, Marta Larralde e Celia Castaño no reparto. Días Azuis conta a historia de tres irmáns que chegan a unha vila da costa da morte para pasar a que cren que será a súa derradeira fin de semana na casa familiar onde levan veraneando toda a súa vida, o que suporá unha despedida da súa xuventude. Pero algo acontece que marcará para sempre as súas vidas. Días Azuis foi rodada integramente na comarca de Ferrolterra hai agora un ano cun equipo técnico e artístico integrado na súa meirande parte por profesionais galegos. O director do filme, Miguel Santesmases, e os actores Óscar Jaenada, Javier Ríos, Marta Larralde, Celia Freijeiro, María Castro e Cristina Castaño asistirán esta noite á preestrea de Días Azuis no teatro Jofre a partires das dez da noite.
 
Comeza o Carlos Gurméndez
26/07/2006
O intelectual galego Isaac Díaz Pardo foi o encargado esta mañá de abrir en Pontedeume a novena edición do curso de verán Carlos Gurméndez. O polifacético galeguista falou sobre o cartelismo durante a II República, na primeira das conferencias organizadas este ano polo Club de Prensa, Universidade da Coruña e concello de Pontedeume. O Gurméndez achégase á memoria neste 2006. O curso está adicado ao aniversario da “Segunda República. 75 anos de memoria histórica”. Xunto a Díaz Pardo, disertou tamén esta mañá o vicerreitor da Universidade de Santiago e doutor en Historia, Lourenzo Fernández, nunha charla sobre a vixencia dos principios da II República. Nesta primeira xornada de curso, pola tarde achégase a Pontedeume o mestre e doutor da Universidade da Coruña Carlos Velasco. O profesor falará sobre a Segunda República en Galiza. A xornada concluirá cunha mesa redonda sobre a República nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Intervirán os profesores Esperanza Piñeiro de San Miguel, Javier Blanco, Eliseo Fernández, Emilio Grandío e Bernardo Máiz. Mañán xoves pasarán por Pontedeume o vicepresidente da Xunta Anxo Quintana, o xornalista do xornal El País José Andrés Rojo, o academico Xosé Lois Axeitos e o escritor Alejandro Finisterre amais do licenciado eumés Xesús López Piñeiro. A novena edición do curso Carlos Gurméndez celébrase no convento de San Agostiño de Pontedeume.
 
Fene festexa o Día da Patria Galega
24/07/2006
“A nosa patria é a memoria”, titúlase a declaración institucional Día da Patria Galega que elaborou a escritora Rosa Aneiros para o Concello de Fene, un manifesto que esta tarde vai presidir o acto institucional do Día da Patria Galega, a partires das nove da noite no monumento do Parque Liñal do Río Cádavo. Este ano o concello de Fene decidiu centrar esta xornada na recuperación da memoria histórica e no 70 aniversario do Estatuto de Autonomía de 1936. No acto desta tarde o concello de Fene distribuirá entre os asistentes unha publicación na que se reproduce o texto do Estatuto de Galicia do 36 e varios artigos contextualizándoo, realizados por prestixiosos profesores universitarios, analistas políticos e parlamentarios galegos como Lourenzo Fernandez Prieto, Uxío Breogán, María Xose Rodríguez Galdo, Beatriz Sestayo, Manuel Ruiz Rivas, Carlos Aymerich ou Xose Manuel Beiras. Todos eles aportaron o seu grao de area para sacar adiante este volume, “70 aniversario do Estatuto de Autonomía de 1936”, que hoxe á tarde se vai presentar e distribuir no acto central do ciclo Día da Patria Galega en Fene. A xornada concluirá coa lectura da declaración institucional do Concello de Fene, no mesmo escenario do monumento do parque do Río Cádavo, e cunha copa de viño galego que se servirá a tódolos asistentes no salón de actos da Casa do Concello de Fene.
 
Homenaxe a Ramón Souto
21/07/2006
A Agrupación Socialista de Fene prepara unha homenaxe a Ramón Souto para o día 18 de agosto. O acto consistirá nunha ofrenda floral e tamén na lembranza do que fora rexedor socialista durante a Segunda República, coa edición dun separador de libros e outros actos pendentes, aínda sen confirmar. O alcalde socialista Ramón Souto foi o primeiro alcalde de esquerdas que tivo o Concello de Fene. Xunto co alcalde tamén foron “paseados” os concelleiros Andrés Iglesias, Eduardo Barcia, José Pita, Eugenio Casal, José Agras e o secretario do Concello Jesús Tenreiro. A homenaxe terá lugar o día 18 de agosto, día da morte do rexedor fenés.
 
O BNG de Fene conmemora o Día da Patria Galega
20/07/2006
O vicerreitor da Universidade de Santiago e profesor de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto participará esta tarde en Fene nun ROTEIRO CULTURAL. Fernández Prieto disertará sobre a sociedade agrarista A Necesaria, que funcionou nesta localidade entre 1909 e 1936. A entidade contou cunha cooperativa de crédito, tenda de productos agrícolas e de alimentación, médico, veterinario e máquina de mallar. Ademais organizaba bailes e veladas teatrais e ofrecia aos seus asociados seguros de reses. O Roteiro cultural comezará ás 8 desta tarde no Parque do Río Cádavo cunha alocución onde se dará lectura ao listado de persoas que foron fusiladas e paseadas nos meses posteriores a xullo do 36. Logo a escritora Medos Romero recitará unha serie de poemas de compromiso coa terra no Parque Castelao. A comitiva proseguirá o seu percorrido ata os locais do CMI Unidade de Fene diante dos cales, o alcalde Xose María Rivera falará do compromiso do Concello de Fene coa cultura galega. Logo dirixiráse aos asistentes o profesor Fernández Prieto dende un balcón do Xulgado de Paz, xusto en fronte de onde tiña o seu local A Necesaria.
 
Fene, un país de músicas
19/07/2006
O concello de Fene pon en marcha nesta xornada o programa cultural artellado ao redor do Día da Patria Galega, un programa que estrea esta noite, en concerto, a coruñesa Mercedes Peón. Será a partires das dez, no escenario instalado na Praza do Concello. Mercedes Peón presenta hoxe en Fene o seu derradeiro traballo discográfico, Ajrú, un disco cheo de dinamismo, mesturado con melodías intimistas, un espectáculo que fusiona o tradicional cos sons máis vangardistas. Con este álbum, Mercedes Peón está a colleitar grandes éxitos como demostran os teatros cheos no decurso da súa xira. Esta noite ten cita en Fene. Pero o concerto de Mercedes Peón será soio o primeiro dunha serie de concertos e festivais que encherán de vida esta semana a praza do concello de Fene. Mañan xoves soarán as corais do concello nun festival de habaneras que comezará ás dez da noite coa participación das agrupacións do CPS de San Valentín, SCR O Pote, Eterna Juventud, Rondalla Estrelecer e a coral da Sociedade Agarimo de Sillobre. E o venres celebrarase no mesmo escenario da praza do Concello (ás 22:00h) un festival poético-musical cos grupos Dios ke te crew, Genios de la cachimba e La Mezcla.
 
Un verán refrescante en Fene
17/07/2006
Nesta xornada ponse en marcha a Escola de Piragüismo de Verán do Concello de Fene. Dende hoxe ate o vindeiro 24 de agosto, a praia de Almieiras convírtese en escenario dunha actividade xa clasica dentro da programación estival do Concello. O curso vai dirixido a persoas interesadas en aprender ou practicar este deporte. Monitores do club de piragüismo do Grupo de Empresa Astano e do club Copacabana serán este ano os encargados de dirixir a Escola de Piragüismo do Concello de Fene. As clases serán de luns a xoves, en dúas quendas, en horario de mañá.
 
Visita real a Ferrol
14/07/2006
Ferrol recibe nesta xornada ás Súas Maxestades, os Reis D. Xoan Carlos e Dona Sofía, na segunda visita institucional que realizan á cidade. Ás tres e media da tarde está previsto que cheguen a Ferrol, nun helicóptero que aterrizará no Arseal. A primeira cita dos monarcas na cidade departamental será no Parador de Turismo, a partires das cinco e media da tarde, nunha recepción ós membros do Padroado da Fundación Camilo Jose Cela. Ás seis, Don Xoan Carlos e Dona Sofía entrarán pola Praza de Armas onde serán recibidos polo alcalde, Juan Juncal, membros da corporación local e distintas autoridades convidadas. No interior do consistorio, os Reis asinarán no Libro de Ouro da cidade e, a continuación, saudarán dende o balcón a tódolos cidadáns que se congreguen na Praza de Armas. A continuación participarán nun acto protocolario no salón de sesións. Nesta súa segunda visita institucional á cidade, os Reis terán oportunidade de achegarse ó Jofre, coñecer as súas instalacións e comprobar, a través de paneis explicativos, a profunda remodelación á que se viu sometido o teatro amais de asistir a unha actuación do coro decano de Galicia, o Real Coro Toxos e Froles, e da Agrupación Artística Añoranzas. A estancia dos Reis na cidade de Ferrol concluirá en torno ás nove da noite no palacio da antiga Capitanía Xeral da Zona Marítima do Cantábrico. Acompañados por unha representación da sociedade ferrolá, D. Xoan Carlos e Dna. Sofía, participarán nunha recepción oficial e asistirán a unha actuación da Banda Ferrolá de Música nos xardíns de Herrera.
 
O Fene Rock pon en marcha o concurso “Toca con nós”
13/07/2006
Todo listo para que comece o concurso Toca con nós, que organiza o Fene Rock e o concello de Fene en colaboración cos concellos de Narón e Mugardos. A iniciativa xordiu ó redor do 4º Festival Fene Rock que se celebrará no barrio de San Valentín o próximo mes de setembro. Os organizadores decidiron poñer en marcha este certame para dar unha oportunidade de amosar o seu traballo a grupos noveis, afeccionados que, en moitos casos, contan con poucos recursos para saír adiante no mundo da música. Doce bandas foron seleccionadas para participar nas semifinais do concurso Toca con nós. A primeira cita será en San Xiao (Narón), o vindeiro 21 de xullo, e nela participarán os ferroláns Retobato e La Patraña, os feneses Presa Fácil, os coruñeses Los Crueles e Dask e os tamén ferroláns Strutter. A segunda das semifinais será en Mugardos o día 29. Nesa ocasión actuarán os feneses Snain e Mala Sangre, os naroneses Majahne e Psicotics, os ferroláns El Rincón de Morgan e os composteláns Coda. Entre os grupos participantes, un xurado seleccionará cinco que pasarán á final (o día 18 de agosto no Círculo de Perlío). Os dous grupos gañadores recibirán premios de 600 e 300 euros, respectivamente, e terán oportunidade de actuar no 4º Festival Fene Rock que se celebrará os días 15 e 16 de setembro.
 
Fene no Festival de Ortigueira
12/07/2006
O trío formado polos feneses Daniel Bellón, Diego Maceiras e Alex Blanco proclamouse gañador do certame celebrado a pasada fin de semana no Escenario Runas do Festival de Ortigueira. Como premio, o vindeiro ano poderán actuar no escenario principal do Festival do Mundo Celta. O xurado do Runas 2006, integrado por críticos musicais de diferentes medios de comunicación (José Miguel López, director de Discópolis; Emilio Españadero, director de Lume na palleira da Radio Galega; Fernando Neira de El País; Ángel Varela de La Voz de Galicia; Óscar Losada de La Opinión de A Coruña e Joao Sá do portugués Folkmagazine), inclinouse ao final pola proposta dos tres xóvenes feneses, entre as oito bandas noveis que chegarón á final. Dani Bellón, Diego Maceiras e Alex Blanco competiron este ano no escenario Runas con Som Ibérico (Portugal), Korrontzi (Euskadi), Nao d´ire (Galicia), Irtio (Galicia), Linho do Cuco (Galicia), El espíritu de Lúgubre (Castela León) e Ginga (Portugal). De tódolos xeitos, foron setenta e cinco as bandas que participaron nesta séptima edición do Runas, un certame que pretende servir para que os novos artistas e creadores do folk dean a coñecer os seus traballos ao grande público.
 
Comeza a 44º Feira Internacional de Mostras do Noroeste.
11/07/2006
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, preside esta tarde en Ferrol o acto de inauguración dunha nova edición da Feira de Mostras, o certame multisectorial máis importante do noroeste peninsular. Un ano máis o recinto feiral de Punta Arnela convírtese por uns días nun auténtico escaparate onde se reunen máis de 200 expositores de toda unha diversidade de sectores (industria, artesanía, turismo, ocio, alimentación, automoción, moble, fogar, decoración, maquinaria). Os organizadores estiman que máis de 30 mil persoas visitan cada ano a Feira de Mostras de Ferrol. Esta nova edición, a número 44, abriu as portas ó público as once desta mañá. As persoas que desexen visitala poderán facelo en horario de once da mañá a dúas e de cinco a nove ate o venres e, durante a fin de semana, en horario ininterrompido, de once da mañá a nove da noite. A entrada custa cinco euros.
 
Pesca estuda autorizar a extracción comercial de mexilón das Pias
10/07/2006
O pósito de Barallobre presentou xa a solicitude ante a dirección xeral de Pesca. As cofrarías discuten alternativas á crise dos bancos de ameixa na campaña actual. A cofraría de Fene estima que a retirada de mexilón nas Pias podería ser unha alternativa á crise de capturas de ameixa no canal. As previsións eran malas antes da apertura da veda pero os primeiros días de actividade non fixeron máis que confirmalas. Agora preténdese que o mexilón teña saída comercial. A conselleria de Pesca estudará estes días a situación sanitaria deste molusco antes de aprobar plans de explotación concretos.
 
Galicia & outras músicas, en Ortigueira
07/07/2006
O gaiteiro Xose Manuel Budiño, as pandereteiras de Leilía e a cantante Uxía protagonizan o espectáculo Galicia & outras músicas que esta noite se presenta no escenario principal do Festival do Mundo Celta, baixo a dirección do productor Javier Limón. Neste espectáculo, de catro horas de duración, faise un repaso do repertorio tradicional galego co atractivo de mesturalo cos sons populares do resto do mundo (dende Brasil a Guinea, pasando por Andalucía ou Nova Iorque). Neste senso, esta noite, artistas como Buika, La Negra, Jerry González, José Reinoso e Niño Josele achegaranse, dende a súa propia óptica, ó galego. Tamén colaboran neste espectáculo Nova Galega de Danza e Hip hop Roots. Fin de semana folk Ate o domingo continúa a festa en Ortigueira. O grupo bretón Bagad Beuzeg, os romanís Original Kokani Orkestar, os asturianos Llan de Cubel, os estadounidenses Solas e os galegos Xochilmica serán os protagonistas de xornada de mañá no escenario Estrella Galicia. O domingo, pecharán o Festival do Mundo Celta os escoceses Session A9, os galegos Berrogüeto, os irlandeses Four men and a dog e os bretóns Gwendal. Ademais, durante a fin de semana, oito bandas noveis pasarán polo escenario Runas para xogarse “a golpe de directo”, o seu paso áo escenario principal do 2007. O público asistente a estes concertos de tarde decidirá, o sábado, entre as propostas de Som ibérico (Portugal), Korrontzi (Euskadi), Nao d´ire (Galicia) e Irtio (Galicia). O domingo á mesma hora, 17:30h, subirán ó Runas os feneses Dani Bellón, Diego Maceiras e Alex Blanco, os tamén galegos Linho do cuco, a banda de Castela León El espíritu de Lúgubre e os portugueses Ginga.
 
Noitebús para as fins de semana
07/07/2006
A Xunta de Galicia pon en marcha un servizo de bus nocturno entre Ferrol e Pontedeume. O Noitebús é unha iniciativa que se desenvolverá en varias comarcas do país durante as fins de semana, venres e sábados. No caso de Ferrolterra, realizará percorridos entre Ferrol e Pontedeume (e viceversa). O goberno galego pon en marcha esta iniciativa co obxectivo de tentar reducir o número de accidentes nas estradas ligados ó consumo de alcohol O novo servizo entra en funcionamento esta noite. Está previsto que o Noitebús realice paradas para recoller a posibles usuarios e usuarias de Fene, Mugardos e Ares. O primeiro autobús, da empresa Arriva, sairá da praza de Galicia de Ferrol, ao carón de Correos, ás once da noite, e repetirá o itinerario cada dúas horas ata as cinco da madrugada. Os autobuses de volta comezarán a sair de Pontedeume ás doce da noite e tamén funcionarán cada dúas horas. O billete custará un euro e medio. Esta primeira campaña do Noitebús concluirá o vindeiro 26 de agosto.
 
O modelo territorial da costa galega resulta “insostible”, segundo a organización ecoloxista Greenpeace.
05/07/2006
No informe “Destrucción a toda costa 2006”, Greenpeace denuncia que Galicia está entre as comunidades que acumulan máis agresións no seu litoral. A saturación urbanística da costa, o aumento do número de campos de golf, os numerosos casos de corrupción asociados ó urbanismo, o incremento de novos portos deportivos e a contaminación derivada da falla de depuración das augas residuais son as principais ameazas ás que se debe facer fronte, segundo esta organización. Greenpeace asegura que os plans urbanísticos desmedidos son unha constante no litoral galego. O seu informe, Destrucción a toda costa, cita unha ducia de concellos que nos últimos anos aumentaron a súa edificabilidade en máis do 200 %, entre eles, Pontedeume, Mugardos, Sada e Ortigueira. No apartado referido ós portos deportivos, Greenpeace fala dun total de 17 proxectos en marcha que suporán en Galicia máis de 3.500 novos amarres. A este respeito, os ecoloxistas piden que se poña en marcha o antes posible o anunciado Plan Director de Portos Deportivos (e que, mentres non entre en vigor, se decrete unha moratoria sobre novas instalacións). Pero a grande asignatura pendente do litoral galego, segundo Greenpeace, é a contaminación. “Galicia inclumple a normativa europea en canto a depuración de augas residuais ata uns límites que superan a barreira do intolerable. O 40 % dos principais núcleos urbanos de Galicia (entre os que citan a Ferrol) non depuran os seus verquidos e máis de cincuenta municipios que agrupan a 650.000 habitantes verquen os seus residuos sen tratar directamente ó mar”, aseguran no informe “Destrucción a toda costa”.
 
A campaña Un conductor alternativo chega a Ferrol
04/07/2006
O concello de Ferrol e a Fundación Alcohol e Sociedade celebrarán o vindeiro sábado a denominada Noite sen Accidentes, baixo a premisa de que alcohol e conducción son incompatibles. Na madrugada do próximo sábado, monitores da Fundación Alcohol e Sociedade informarán en Ferrol a mozos e mozas sobre a necesidade de elexir para as noites de marcha a un conductor alternativo, que non beba, para levar o coche. Aqueles xóvenes que, durante a Noite sen Accidentes, non consuman alcohol, recibirán distintos agasallos, entre eles, cheques de gasolina por valor de 20 euros. A dinámica deste programa “Un conductor alternativo” implica a realización dunha serie de probas de alcoholemia que deben superar tódolos participantes. Para iso, os organizadores contan coa colaboración de catro establecementos de ocio da cidade polos que deberán ir pasando (A Casa do Fol, Sikaru, CBC e The Drowsy Duck). En cada local, os participantes deberán someterse a un control de alcoholemia e soio aqueles que dean negativo poderán continuar. Ademais, no marco desta campaña, a Fundación Alcohol e Sociedade ten previsto instalar esa noite na Praza das Angustias un vehículo accidentado para que os xóvenes se conciencien sobre as consecuencias que pode conlevar a conducción baixo os efectos do alcohol. Tódalas persoas que desexen participar no programa “Un conductor alternativo” deben achegarse o vindeiro sábado, a partires das once da noite, pola praza das Angustias de Ferrol onde vai estar instalada unha carpa da Fundación Alcohol e Sociedade