| A PRESENZA AMABEL |
| 16/10/2004 |
| Souben de Manuel María, primeiro, como un poeta para nenos. Na adolescencia, descobrino plenamente como un referente cultural para a Galiza diferente que ía aparecendo aos meus ollos. Coñecino persoalmente máis tarde: apoiando con firmeza as accións pola plena normalización do galego, franqueando as súas portas (con inusitada xenerosidade no noso ámbito) ás miñas preguntas sobre o noso pasado recente, coa súa presenza amábel en diferentes actos do nacionalismo.
O nome de Manuel perdurará nas mellores páxinas deste país. O amor, esa forza revolucionaria, manteno connosco. Os que queremos que este país exista vémonos levados a escreber o seu nome no día a día, igual que os namorados se ven impulsados a gravar as súas identidades nas cortezas das árbores, igual que Manuel gravou os seus versos, namorado de Saleta e namorado da Galiza.
Carlos Callón
Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística |
| |
| "ESTIVEN EN MONFORTE E ACORDEIME DE MANUEL MARIA" |
| 15/10/2004 |
| Estiven en Monforte e acordeime de Manuel María. El acordábase de todo, as súas lembranzas transcendían o persoal, eran orixe e fundación dun pobo vindeiro aínda sepulto na renuncia. Acompañado pola seña do Manuel, contemplei a ponte vella, parrulos lapexando no río, reliquias no Convento das Clarisas...Lemos sufriu unha merma, alí xa é difícil a habitación poética do mundo.
Bieito Iglesias |
| |
| MONFORTE CHORA A PERDA DE MANUEL MARIA |
| 15/10/2004 |
|
Non son eu a persoa máis idónea para falar da inmensa calidade literaria que ten a extensa e variada obra de Manuel María, para iso, estudiosos e críticos ten de abondo o panoroma literario galego, especialistas que, sen dúbida, farían que a miña opinión de humilde lector das súas obras non chegara máis alá da simple anécdota.
Por iso, vou falar da personalidade do Manuel, da gran pegada que, como home, como amigo, como escritor, deixou entre as xentes do Val de Lemos.
Manuel María pasou gran parte da súa prolífica existencia en Monforte de Lemos, lugar onde deixou moitos e bos amigos, compañeiros de tertulias, de paseos, de rondas de viños, de inesquecibles conversas cheas de serea sabedoría e ilustradas con xenuinas e privilexiadas anécdotas.
Este Concello tivo ademáis a honra de contar con tan ilustre home xeneroso entre os compoñentes da primeira corporación democrática, servíndose da súa sabedoría e do seu compromiso con Monforte e con Galicia.
Moito e bo poderiamos dicir do Manuel, da obra que escribiu nestas terras, da librería que rexentou coa súa inseparable Saleta, do traballo nos xulgados, do compromiso político e social coa cidadanía, pero, o que mellor exemplifica a súa bondade é o feito de que a gran maioría do pobo monfortino continúa chorando a súa perda.
Severino Rodríguez Díaz
Alcalde de Monforte de Lemos |
| |
| MANUEL MARIA PERDURA NA MEMORIA, SEGUNDO XOSE RAMON POUSA |
| 15/10/2004 |
| Coñecin a Manuel María a comenzos dos sesenta, nunha voda no xa desaparecido salón postmodernista do Hotel Compostela. Foi a comenzos dos sesenta. Eu era un neno de pantalón curto e nunca denantes vira un poeta. Máis ainda, nunca escoitara falar galego a un señor tan ben vestido. Quedei impresionado. Pola súa voz, pola forza da súa mirada... Volvino a escoitar a finais dos sesenta nun disco de poemas da editorial catalana Edigsa que ainda conservo. Máis tarde botei unha moza en Monforte de Lemos que sería a miña muller, e as miñas visitas á libreiría Xistral e a súa casa de Roberto Baamonde convertíronse en frecuentes e longas. Con Manuel e Saleta coñecín o país e souben valorar o que temos e o que somos. No terreo cultural, espiritual e humano, pero tamén sobre o mesmo terreo físico do país. Foron frecuentes os viaxes pola Ribeira Sacra, para descubrir o románico máis puro, por Ourense e Lugo, ata Ribadeo e Viveiro. Moitas veces aproveitando o oficio de pregoneiro que tan ben cumplía o noso poeta. Cada ano, mentras durou a carrerira de Xornalismo, Manuel foi un visitante asiduo na nosa casa de Barcelona, donde cada maio abría a "Semán Cultural Galega". Da súa man coñecín a Salvador Espriu, sen dúbida o mellor poeta das letras catalanas, e a moitas outras persoalidades literarias. Nos derradeiros anos coincidíamos en diversos lugares, pero especialmente nas catas da Irmandade dos Vinhos de Galiza, na que Manuel era o gran druida. Cando Manuel non estaba, estaban os seus libros agarimosamente adicados, estaba a súa poesía. Agora que se foi para sempre, deixándo orfo a medio país, quedan os seus poemas, como están os de Rosalía, que perdurarán na memoria colectiva dun pobo agradecido. Un privilexio que só teñen os grandes poetas.
Xose Ramón Pousa.
Profesor da Facultade de Ciencias de Comunicación de Santiago de Compostela
Xosé Ramón Pousa |
| |
| MANUEL MARIA ERA O POETA NACIONAL, PARA XOSE MIRANDA |
| 15/10/2004 |
| Manuel María foi testemuña na voda dos meus pais. Oficiou a cerimonia o seu tío, que era párroco de San Froilán en Lugo. Estudiaran Manuel e Uxío Novoneyra no Instituto de Lugo, un curso máis abaixo ca o meu proxenitor. Unha tarde saíran e foran sentar nos bancos da Alameda. Cursarían tal vez sexto. Despois de leren algúns dos seus poemas, Uxío dixo: "Un día estaremos, Manuel, nos libros de texto." Meu avó, Xosé Miranda, era frontepopulista e moi amigo de Fole e do mozo Manuel. Teño unha dedicatoria de Manuel nos "Sonetos á casa de Hortas" que di o seguinte: "A X. Miranda, coa lembranza do seu avó, que sempre me convidaba a viños." Sempre que nos viamos preguntábame pola saúde dos meus pais e pola miña tía Carmiña. Mandoume unha carta polo nadal do 2003, hai só uns meses, carta que me emocionou e que gardo celosamente. Non hai que dicir que Manuel era un poeta nacional. Basta con repetir que Galicia somos nós, a xente e mais a fala.
Xosé Miranda
Escritor |
| |
| FOZ CON MANUEL MARIA |
| 15/10/2004 |
| Dende a Biblioteca Pública Municipal de Foz e Radio Foz estamos encantados de participar nesta homenaxe a Manuel María. Porque? Porque a relación de Manuel Mª e Saleta co pobo de Foz e larga e coñecida, polas súas estancias, polos seus amigos, polos seus Versos en Louvanza de Foz, por que a Casa da Cultura leva o seu nome….
A Biblioteca Pública Municipal de Foz leva organizando pola semana do libro, un Maratón de Lectura donde lemos durante 24 horas continuadas, e non sen esforzo, obras como O Quixote, as obras de Castelao, a obra de Casares coa presencia da súa viuva na inauguración e este último ano, coa obra de Manuel María. Estivo connosco acompañado de Saleta o día 23 de abril de 2004. Foi un maratón esplendido, comenzou coa lectura do pregón e a súa primeira lectura a cargo do poeta chairego. A continuación moitos amigos que quixeron acompañalo neste acto seguiron a lectura, o mesmo tempo que se proxectaba unha presentación en fotos da súa vida e obra.
Unha experiencia que creo que non foi feita en ningun sitio, a lectura de 24 horas da súa obra por centos de lectores anónimos que coa lectura cada un de 5 minutos, trouxeron os recordos, os lugares, as épocas, o sentimento dun poeta e unha persoa que quedará unida a Foz e concretamente a Biblioteca Pública Municipal para toda a vida A súa xenerosidade con este pobo da Mariña Lucense, merece todo o noso esforzo en ensalzar o seu nome e a súa obra.
Damos o noso apoio a esta iniciativa contando tamén con RadioFoz a nosa emisora municipal e desexamos que teñades moito éxito no voso especial. Unha aperta.
Chus Álvarez Sánchez – Bibliotecaria Municipal
Xaime Cancio Rodríguez – Concelleiro de Cultura |
| |
| O PROVERBIO DA MEMORIA |
| 14/10/2004 |
| O proverbio da memoria
Só querería presentar arestora unha breve consideración sobre un poema incorporado ao libro de Manuel María Compendio de orballos e incertezas, de 1991. O poema leva un título tan fermoso como o que identifica ao propio libro: “Proverbio da memoria”. Hai nel unha declaración ética e existencial que me parece representativa da traxectoria vital e emocional do poeta, ese transcurso de dignidade e presenza através do que foi o control, o silencio represor, o tedio mesto da posguerra, unha etapa de perdas tan longa e indefinida na súa finalización que algúns pensamos que as súas marés chegan aínda a mollar as praias do presente. O poema de Manuel María equipara a memoria a un arquivo plural de soños, lembranzas, esquezos voluntarios, concesións. A memoria é así lexíbel case como un exercicio contra a amargura de “canto pasou por derriba de min / e me esmagou”, na que adoito importan máis as “raras camelias da alegría” que todo canto puido luxar a mirada, a razón, a confianza, a xustiza. Porén, o poeta introduciu nos versos finais do “Proverbio da memoria” un quebro acaso inesperado no devalar do texto, non sei se nimbado por unha autoironía destinada a promover no lector e en si mesmo o reto da análise sobre a misión da memoria como voz das testemuñas. Sen resaltar nada o que di, case xa no silencio que pon cabo a esta especie de confesión, comparece a metáfora que iguala a memoria cunha páxina en branco, coa perda ou renuncia á voz por tanto, unha páxina destinada apenas a soster un día a anotación da propia morte. Creo que compensa ler este poema e reflexionarmos sobre o que nel se di ou se suxire. Tamén a pensalo no que ten de cifra dunha actitude e de toda unha obra.
Arturo Casas |
| |
| SOIO UNHA ESTRELA POR GUIA, DE ROSA ANEIROS |
| 14/10/2004 |
| Soio unha estrela por guía
Rosa Aneiros (publicado en El Progreso e Diario de Pontevedra o 14/09/2004)
“A terra está en ti, Saleta” e o poema saíu dos beizos de Miguel Anxo Fernán Vello como un coitelo que atravesa desgarrado o serán morno en Santa Isabel de Outeiro de Rei. Manuel María fundíase nunha aperta eterna coa Terra Cha dourada, ese espazo de silencios e vento que el reivindicou e ao que deu unha nova dimensión na alma de todos os galegos. Na homenaxe previa do Panteón de Galegos Ilustres os seus poemas foran caendo con esa poalla incómoda de Santiago, lentos e emocionados, como se en cada verso a morte fose un pouco máis pequena, un pouco menos abismal. O gran poeta, pero tamén o construtor da idea de patria como lugar común onde crer Galicia, marchou quedando a berros desde esas letras coas que venceu á morte. A el quérolle dicir, dende aquela moza que o viu bailar a muiñeira coas meniñas dos ollos no festival de Pardiñas que sempre será lume e facho. E dende a nena que recitou “o cuco, cuco, cuqueiro/o cuco, cuco, cucón...” quero darlle as grazas. Porque formo parte da primeira xeración –a dos oitenta- que aprendeu galego na escola grazas ao traballo de persoas como Manuel, e aí estaban as súas letras escritas que os cativos e cativas devolvemos ao vento. Debo dicirlle que con el se nos vai a infancia un pouco máis pero fica como semente a palabra. E, como non, esta admiración por Saleta, a muller que amou ao poeta cunha entrega que vencerá á distancia. A poesía de Manuel María está en ti, Saleta, e contigo seguiremos a quen escribiu “Hei andar a Terra Chá sin esquencer un rincón,/ ouh terra da miña alma, lume do meu corazón!/ Non quero máis compañía:/ ¡soio unha estrela por guía!”. Tan só os seus versos por guía. |
| |
| Biografía |
| 08/10/2004 |
| Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929. En 1942 trasladouse a Lugo para estudiar o bacharelato e aquí comezou a súa precoz carreira literaria participando, á idade de 20 anos, no ciclo de conferencias "Jóvenes valores lucenses". Esta primeira conferencia serviulle para entrar en contacto cos integrantes da tertulia do café Méndez Nüñez (Pimentel, Fole, Rof Codina...) que o poñerán en contacto coa realidade galega, tanto interior como do exilio. Nesta primeira etapa da súa vida, publica o primeiro poemario dun poeta da nova xeración, Muiñeiro de brétemas (1950), co que se inaugura a denominada "Escola da Tebra".
En 1958 instálase en Monforte como Procurador dos Tribunais e ao ano seguinte casa con Saleta Goi. Nos axitados anos sesenta e setenta, Manuel María participa na reorganización política, na clandestinidade, dos partidos nacionalistas, e atende os chamamentos e peticións que lle chegan de todas as organizacións que, ao longo e ancho do país, andan a traballar pola recuperación cultural: desde impartir conferencias ou recitar poemas a presentar á Nova Canción Galega. A súa obra literaria diversifícase e multiplícase de acordo cos novos tempos: ensaio, narrativa, teatro... sen abandonar o cultivo da poesía. Do existencialismo e o seu pesimismo radical evolúe cara á unha poesía que rompe, tanto no formal como na temática, con esta liña subxectiva para se comprometer co ser humano, coa súa xente, coa súa realidade social, en definitiva, co seu pobo.
A súas actividades políticas culminaron coa súa elección como concelleiro en 1979. Son anos duros, e a súa participación nas campañas en defensa da lingua foi moi activa. En 1985 abandonou a militancia política para se dedicar por completo á actividade literaria e cultural e, desde a súa xubilación, reside na cidade da Coruña. A súa xenerosa entrega foi recoñecida en 1995, na Homenaxe organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega na Coruña.
Non é doado resumir en poucas liñas a obra deste insigne poeta, referencia imprescindíbel no panorama literario da segunda metade do século XX, pola amplitude dos seus rexistros, das súas propostas e da súa temática: intimismo, paisaxismo, socialrealismo crítico ou satírico, preocupación relixiosa, reivindicación lingüística... e, como fío conductor de todo este mundo poético, a construción da patria.
Manuel María faleceu na Coruña o 8 de Setembro de 2004. |
| |
| UN SAUDO DENDE O PAIS VASCO |
|
| Para un galego ubicado en Euskal Herria, a perda de Uxío Novoneira e a
recente de Manuel María -os nosos vates do Courel e da Terra Cha- é unha
falta dobremente sentida, mais tamén é unha invitación á confianza na nosa
terra, na nosa xente, na nosa lingua.
Sei, persoalmente e por informacións indirectas, do compromiso de Radio
Fene coa lingua, coa cultura e coa nación galega. Unha mostra do devandito
é a homenaxe ao recentemente finado, Manuel María, que poetizou coma
ninguén a paisaxe da súa "Terra Cha", hoxe tamén, gracias a il, máis nosa
que nunca.
Un saúdo cordial.
Nicolás Xamardo
Profesor de Xornalismo da Universidade do Pais Vasco |
| |
|