| O homicidio do farmaceútico Moreda. Agrarismo e galeguismo (1917) |
| 09/05/2006 |
O espiritu cooperativo e o anticaciquismo semella que presidiron o funcionamento da Federación Agrícola Ferrol- Pontedeume formada por 12 entidades agrarias o 22 de maio de 1910. Ata a súa integración na Federación agraria na provincia da Coruña en 1923, desenvolveu unha intensa actividade en toda a comarca e promoveu unha linea política anticaciquil.
Segundo se recollen nos estatutos conservados no Arquivo Histórico do Reino de Galicia na Coruña, formaron a Federación as asociacións Libertad y progreso de Serantes, La Emancipación de Narón, La Moralizadora de San Sadurniño, La Necesaria de Fene, Centro Solidario de Pontedeume, Unión Campesina de Cobas, a Sociedade de Oficios Rurais de Neda, a Sociedade Obreira de Ferrol ,as Sociedades de Carpinteiros e a de Canteiros de Mugardos e as Sociedades Agrícolas de Somozas, Ares-Caamouco, Cervás, A Capela, Mugardos, Monfero.
Segundo os seus estatutos, a Federación perseguia o fomento económico do oficio labrador e a defensa anticaciquil da vida aldeana de Galicia . Engadese que polo tanto constituese baixo o ideal da solidaridade entre todos os labradores galegos . A Federación proponse en concreto facilitar as súas sociedades constitutivas, as compras en común de millo extranxeiro, evitando intermediarios e falsificacións, a de apeiros e maquinaria agrícola adecuada ás condicións do país, a celebración de concursos de gando, paradas de touros e verracos, as vendas en común de colleitas ou produccións, a criación de caixas rurais de aforro e préstamo, o ensino e ilustración agrícola, gandeira e industrial do campo, e en xeral as obras de fomento económico que as sociedades queiran emprender . Asimesmo sinálase como outra das finalidades da Federación promover candidatos propios en eleccións de deputados a Cortes e senadores .
O domicilio social da Federación fíxase nos locais da Necesaria de Fene. O farmaceútico desta localidade D.Xenaro Moreda actuará como presidente en 1913 e como secretario en 1915. A aparición dunha persoa allea profisionalmente ao mundo do campo na dirección da Federación -e da sociedade agrarista de Fene La Necesaria, como veremos máis adiante- semella que responde ao desexo de intervención política dos membros da Solidaridad Gallega que dirixe o avogado Rodrigo Sanz. Ocorre aqui o mesmo que reflexa Anxel Rosende no seu estudo en torno ao agrarismo na comarca do Ortegal, cando sinala que non foi organizado e dirixido directa e exclusivamente por labregos . Pero conxuntamente coas arelas políticas, xa dos mesmos Estatutos da Federación desprendemos a determinación de acadar unha agricultura maís competitiva mediante a dotación de novos medios de producción, e a distribución de toda unha serie de melloras. A vocación societaria tamén abrangue á esfera da comercialización dos productos. Tal e como recolle o profesor Fernandez Prieto no seu estudo Labregos con ciencia , a aspiración de lograr unha renovación técnica na agricultura galega, xunto coa vontade comercializadora xogaron un papel esencial na propia definición do movemento agrarista .
A Necesaria: predicar e dar trigo.
Para analisar os efectos e o funcionamento do agrarismo na comarca máis alá das declaracións de intencións deteremonos no funcionamento da Necesaria de Fene, sociedade que actua como motor da Federación.
A entidade constituiuse en agosto de 1907, ao abeiro da Lei de Sindicatos Agrícolas de 1906. No regulamento orixinario sinálase como obxectivo da mesma o melloramento moral, económico e intelectual dos asociados e a defensa dos intereses de toda especie que aos mesmos afecte .
A mesma existencia da Sociedade A Necesaria en Fene supon o inicio do desartellamento do sistema caciquil, do clientelismo, como se desprende da denuncia formulada polo alcalde conservador D.Millán Neira diante do Goberno civil queixandose da actividade preelectoral dos agraristas que acusando á Necesaria de ser unha sociedade política de carácter solidario .
Ademais da intervención política, presentando os seus propios candidatos ás eleccións municipais o que ocasionará unha cruenta batalla política e xudicial, a sociedade de Fene pon en práctica as medidas ao seu alcance para a mellora agrícola desexada nos estatutos. Así en 1913 a Necesaria crea unha sección de seguro das reses e ofrece para os animais unha persoa entendida en doenzas do gando e para os asociados os servicios dun médico. En 1918 A Necesaria adquirirá unha máquina de mallar para a utilización por parte dos seus socios. Ademais abrirá desde 1929 unha tenda de productos agrícolas e de alimentación, na que se ofrecen prezos máis baixos que no mercado. Nesta tenda podíanse adquirir productos como o aceite, azucar, arroz, cascarilla, chiculate, bacallau ou abonos. Funcionará ata 1936. A sociedade tamén coida o tempo de ocio dos viciños, e así organiza con certa frecuencia bailes e veladas teatrais.
As melloras agrarias -entre as que se incluen a construcción do Mercado da localidade- e os servicios aos asociados non implican que a Necesaria renuncie á intervención política. Presenta os seus candidatos ás eleccións municipais e en 1913 consegue a elección de Don Jenaro Moreda. O farmaceutico non tomará posesión como concelleiro ata 1915 pola presentación de recursos xudiciais por parte das forzas conservadoras. Desde esa data o boticario interven nos Plenos nun amplo abano de cuestións e iniciativas que dalgún xeito ilustran en torno á variedade de obxectivos do agrarismo. Así Moreda solicita a instalación de barandas na construcción da estrada Perlío-Lavandeira, convoca unha asamblea dos viciños das Foxas para recompoñer o camiño, require aos donos dos establecimentos de bebidas para os vasos sexan lavados en auga limpa e corrente, e reclama a prohibición de dous actos que se ian celebrar á mesma hora nos locais da Necesaria, nun momento no que as opinións dos socios estaban divididas. En 1916 o concelleiro agrarista presenta distintas iniciativas e reclamacións contra o repartimento de consumos, contra o establecimento dos impostos.
A importancia da prensa.
Na actividade do agrarismo, semella contar cunha importancia fundamental a prensa, como medio de espallamento das suas ideas, e de adoctrinamento dos partidarios. Así ocorre no Concello de Fene onde se rexistran cabeceiras de cinco periodicos entre 1911 e 1917.
O 2 de xullo de 1911 publicase o primeiro número de Fene solidario , quincenal que continuará aparecendo ata outubro de 1912 contandose un total de 32 números. A este periódico sucederá a revista Cultura Campesina que dirixida por Moreda se publica ata febreiro de 1917, cando o farmaceutico ingresa no cárcere.
O Fene solidario , escrito na súa práctica totalidade en castelán, recolle tamén en galego as máximas do catecismo solidario. Así no número 16 de febreiro de 1912 sinálase ¿Que ven a sel-a Solidaridade? A xuntanza, a unión. Así como nas parroquias xúntanse tódos os viciños para lle facer a labor á pobre viuva cargada de familia, así deben de se xuntaren todos para o ben de todos. E asi como non preguntades, nin vos importa, se o que morreu era conservador, carlista ou liberal, se compria ou non co precepto e a axuda a facedes por caridade e porque foi voso viciño, asi para facela solidaridade non debedes de preguntar como pensan os que se asocian .
O Fene solidario recolle denuncias anticaciquís sinalando que as forzas conservadoras rebaixan os seus impostos -os denominados consumos - mentras que aumentan considerablemente os dos que non se someten á vontade caciquil, os solidarios . O citado artigo -no número do 15 de febreiro de 1912- faise un chamamento para acudir a examinar o repartimento de consumos e de ser certas as desproporcións que se di existen, levantemos a fronte co brio propio dos que reclaman o que lles pertence .
No número 17 o periódico de Solidaridad Gallega faise eco das denuncias polo atentado sofrido pola vivenda de D.Genaro Moreda, director do Fene Solidario . Segundo se recolle na primeira plana do rotativo, na mañá do 18 de xaneiro apareceron taladas todas as plantas do xardín da casa do boticario, embadurnando con pintura a fachada da vivenda, nun feito que os solidarios atribuien ás forzas caciquís. O periódico non se limita ao analise da actualidade local de Fene, senon que tamén recolle outros asuntos de interese para os agrarios da comarca. Así o 1 de xuño de 1912 reproduce un amplo artigo do abogado D.Rodrigo Sanz -extraido de El Liberal de Madrid- no que o presidente de Solidaridad Gallega denuncia detalladamente as irregularidades rexistradas nas eleccións municipais de 1909 en toda a comarca de Ferrol. Sanz titula o artigo El caciquismo en Galicia . O artigo do letrado reflexa a todas luces o carácter simbiótico do campesinado na comarca de Ferrol, xa que recolle o trunfo dos agraristas de Narón nas eleccións dese ano donde obtiveron nove dos quince postos do seu Concello e indica que ao pouco tempo ante a presión do caciquismo dous dos concelleiros agraristas tiveron que deixar o seu posto xa que optaron polo seu traballo na Constructora Naval de Ferrol, cando houberon de elexir entre este traballo e os traballos anticaciquís .
A pesar do verbo incendiario empregado contra o caciquismo da localidade, Moreda condena enerxicamente no periódico o atentado contra o xefe de goberno Canalejas. Tildao de criminal atentado e afirma que une o seu sentimento ao que hoxe embarga a todo bo español . Nas páxinas do Fene Solidario colaboran tamén persoas que logo exercerán labores de dirección no socialismo de Ferrol e da Coruña. Así se reproducen conferencias pronunciadas en Fene polo mestre Garcia Niebla e asina artigos Manuel Montero, viciño de Fene que en 1931 presidirá o PSOE da Coruña.
Outros periódicos tamén dan pistas acerca da actuación dos galeguistas. Así El Látigo de 1911 censura abertamente a utilización do galego nunha comparsa dirixida por Genaro Moreda indicando textualmente La gallegada de su comparsa, ni es gallegada, ni está escrito en nuestro dialecto, ni tiene sentido común. (...) ¿Cuando se convencerá V. que ha nacido para todo, menos para escribir en gallego?
O homicidio do farmaceútico.
Producto do axitado clima político de Fene, o 17 de febreiro de 1917 o farmaceútico Don Jenaro Moreda comete un homicidio causandolle a morte ao mestre Agustín de Burgos. Nesa xornada iase representar no Salón de Severa un apropósito carnavalesco no que se ridiculizaba a figura do boticario. Moreda personouse no teatro e armouse unha refrega da que saiu sen vida o autor da obra teatral. A Garda Civil detivo ao farmaceútico quen foi condenado por homicidio, ainda que o xuiz aplicou como atenuante o caracter mortificante da obra que se ia representar.
Despois do homicidio e da súa estancia no cárcere, Don Xenaro Moreda trasladaráse á Coruña donde rexentará a farmacia da Rua Castiñeiras de abaixo, número 6 desde 1922 ata o seu falecemento en xullo de 1935. Entre os anos 1930 e 1935 Moreda ocupará en distintas etapas os cargos de secretario e tesoureiro da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Farmaceúticos da provincia de A Coruña. A súa viuva D. Andrea Rios Veiga continuará como titular da farmacia ata abril de 1949.
Agrarismo e galeguismo.
Segundo o profesor Xusto Gonzalez Beramendi, Xenaro Moreda figura como asociado da Irmandade da Fala da Coruña desde os inicios desta entidade en 1916.
A raiz do homicidio de Moreda, o semanario das Irmandades da Fala A Nosa Terra inicia unha campaña de apoio ao farmaceutico de Fene, xustificando incluso o crime cometido. Así no periódico do 26 de febreiro de 1917 indícase textualmente En Fene, un home loitador, d´alma temprada, soupo que iba representárese un apropósito carnavalesco no que se ll´aldraxaba gravemente (...) N´un medio no que o caciquismo lava todal-as manchas e absolve de todal-as culpas, son percisos carauteres e decisións coma os do Sr.Moreda. Hai necesidá de tomal-a xusticia pol-a mán onde a xusticia tennas atadas . A Nosa Terra sinala que o seu artigo é unha reproducción do publicado por Xaime Solá en La Concordia de Vigo o dia 20 dese mesmo mes e titulado nada máis e nada menos que Homicidio necesario .
No periódico galeguista do 10 de abril vaise máis alá e sinálase que Os amigos da Fala témol-a obriga d´emprestarlle tod´o noso apoyo moral ó señor Moureda, vítima da fonda doenza caciquil, que abafa Galicia .
Non rematan ahí as referencias na Nosa Terra ao dirixente agrarista de Fene. Despois da súa saida do cárcere, o periódico recolle a súa intervención como orador nun xantar de homenaxe a Lois Peña Novo, compartindo atril con Cabanillas, Bermudez e Vilar Ponte (ANT, 25 de xullo de 1920).
En calquera caso a existencia das sociedades agraristas, a mesma configuración da Federación agrícola Ferrol Pontedeume, a incesante actividade dos seus integrantes, semella que dan conta dunha vitalidade asociativa insólita no conxunto de Galicia.
Henrique Sanfiz Raposo |
| |
| A conselleira de Cultura e Deportes en Radiofusión |
| 20/04/2006 |
A conselleira de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia Anxela Bugallo visitou os estudos de Radiofusión na xornada do 19 de abril do 2006. A xornalista Maria Xesús Arias realizoulle unha entrevista. |
| |
| "UN FARDEL CHEO DE MIMOS, SABAS HUMIDAS DE FRANELA, BEIXOS HUMIDOS NO PESCOZO" |
| 14/02/2006 |
aquí, 6.xuño.2005
non somos máis que corpos transidos de linguaxe
manuel forcadela
e ao mellor tampouco é que sexamos iso, non o sei..., pero soa ben e vólvese escuma de xeito terno.
hoxe desaparecen as maiúsculas e os versos; queda todo moito máis sutil e tranquilo. por que utilizarei sempre os adxectivos de dous en dous?, volta a compulsividade (creo).
aínda faltan 33 días para o teu aniversario. sabes que hai cousas que me gusta comezar antes de tempo, así paréceme que adiantei un mundo de pausas e sílabas -sen ti men to-, e cando me viola cada sol na toalla esa das ovellas antiestéticas xa penso no que che vou-podo escribir.
quiteille o papel de regalo ao primeiro agasallo mercado. non me podo reprimir. quítoo, miro ben o que hai dentro, dende todos os ángulos posibles, e logo volto a poñelo, moito peor e deixando pegadas. que si, que son eu a que coloca mal as dobreces, a que deixa arestas imposibles, a que toca e sente o tacto por vez primeira. dende nena arrinco papeis de cores para máis tarde acomodar outra vez.
o pasado é unha feira
lupe gómez
atopei un círculo de plástico e vou marcando os versos -sen forma- que che quero deixar hoxe. pon algo coma isto: jabón de glicerina glizerinazko xaboia sabó de glicerina xabón de glicerina (consumer, claro).
non cheira mal, mais entende que prefira olerte a ti.
probando...
o plan amigos (e non é unha promoción de cocacola) empeza a manifestarse sosiño. eu boto tanto de menos eses quero-te lentos..., ai, cánta reticencia. e iso que o start foi onte. que rápido canso, meu amor. ben pequeno para que baixe pola epiderme de vagar.
decidirei explotar en bévera ou romperme ante ti coma un hime de carne de figo
olga novo
vou por parágrafos xa que é máis fácil contar os acontecementos mínimos.
esta é unha carta que busca felicitarte na orella e está quedando triste, non? sóanme os fados inexistentes neste intre e desoriéntome. se xa coñeces o que podo dicir aquí... máis p u n t o s s s u s p e n s i v o s.
estoume acordando daquel, tamén, intento de epístola dos teus 18. chea de cancións que seguro que non liches, e cun namoramento xa construído que non quería voltar á saída do xogo. c´est la vie.
que que que que que que que. ando na procura doutro mecanismo de cohesión máis interesante.
aínda aquí, 7.xuño.2005
volve para defenderme do meu espanto
medos romero
son diminuta. se me ergo moi tarde aínda teño máis miúdas as falanxes e máis limitado o van. e ao estar a manta-peluche enriba dos dous tamén me sinto breve (brevidade como solución): son as túas mans tan doces, meniño.
cústame insistir no acoso das teclas. aparece un sinónimo de veto.
miaumizaríate neste chan.
déixaste...?
poderías estar aquí pero estás aí
estíbaliz espinosa
quérote máis ca nada neste mundo. encántasme. mirarche aos ollos e ver os sempre vou estar é precioso. (verdes imaxinados e marróns ámanse nun ángulo recto). coñecerte foi-é o mellor que me puido acontecer. ti fuches-es o mellor.
non quería unha melancolización enorme cartificada ; se non pensase imposibles non me decepcionaría.
levo na epiderme a xunqueira, o océano nos beizos teus
eu mesma
e para rematar, mon petit, un fardel cheo de mimos, sabas de franela, beixos húmidos no pescozo, ollares de lentitude. podes aumentarlle o que desexes. son así de comprensiva.
non
te
vou
esquecer
nunca.
un adórote grande.
CARTA PREMIADA NO CERTAME DE CARTAS DE AMOR DE RADIOFUSION. 14 febreiro 2006.
Elaborada por Alicia Fernández. Escairón. O Saviñao (Lugo) Galiza |
| |
| CANDO OS XOGUETES VIÑAN DE MANIÑOS |
| 01/01/2006 |
Moitos dos xoguetes que o 6 de xaneiro atoparán os máis pequenos da casa proceden de China. Alí os salarios baixos e as prolongadas xornadas de traballo permiten obter un producto final cun prezo moi competitivo. Pero, non sempre foi así. Os máis maiores ainda lembran cando os xoguetes se fabricaban en Maniños. Nesta parróquia de Fene funcionou durante boa parte do século XX un establecemento que fabricaba e abastecía de enredos para os máis pequenos de boa parte da península.
En 1925 Antonio e Manuel Otero Vila fundan a empresa “Industrias Otero” e construien as súas naves no lugar da Armada en Maniños (Fene A Coruña). Ao pouco tempo os irmáns sepáranse e Antonio adicaráse fundamentalmente á fabricación e venda de mobles dende unhas naves ubicadas ao pé da estación de ferrocarril de Franza. Manuel Otero centrará a súa actividade na fabricación e venda de xoguetes dende o establecemento ubicado na estrada da Armada. Picañóns, caixas para a cervexa, carrocerías de camións, fouces, muletas foron outros productos que ocasionalmente sairon da fábrica de Maniños.
Na guerra de 1936 Valencia deixou de producir xoguetes, e Manuel Otero aproveitou a ocasión, segundo explicou a RADIOFUSION o encargado da fábrica de xoguetes Jose Pena.
Unha nave de 3.000 metros cadrados con duas plantas albergaba as diferentes seccións productivas. No baixo ubicábase a sección de carpintería e ensamblado das pezas e na planta superior as de pintura e embalaxe. O plantel de Industrias Otero chega a alcanzar ás 80 persoas, moitas delas mulleres. A producción da fábrica de xoguetes colocábase en toda Galiza, pero tamén noutras cidades da península como Sevilla, Barcelona, etcétera. As pezas producidas eran moi variadas, todas elas en madeira. Primeiro foron as “ronchas”, logo camións, cociñas, triciclos, patíns, costureiros, cabalos, cabás ou maletíns para a escola, ...
Arredor dos anos 60, a competencia da industria xogueteira con producción en serie, obrigou á reconversión da fábrica. Industrias Otero segue producindo xoguete e outros productos novos, pero pásase da madeira aos metalizados. Faise en aluminio cromado, todo tipo de moble infantil, corraliños, berces, cadeiras de comer para bebés, triciclos, ...
A fábrica de xoguetes de Maniños deixou de funcionar por completo nos primeiros anos 90. |
| |
| OS ZARES ARRASAN |
| 07/12/2005 |
Poucos se atreveron a vestirse como nos anos 60 e 70. ¿Será porque non nos vemos xa maduritos-as metidos dentro daquela moda que significaba que eramos novos? Pero non importa. O salón de Agarimo de Sillobre encheuse de nostálxicos na noite do luns 5 de decembro do 2005, para escoitar as cancións de OS ZARES que sí subiron ao esceario ataviados cunhas camisas que lles sentaban coma unha luba.
Lograron transportarnos no tempo, e que nos sentísemos vivos. Xa decía a escritora inglesa Doris Lesing na sua novela “De nuevo el amor” ( “ Os xóvenes non saben, está oculto para eles, que a carne se marchita arredor dun corazón inmutable” ).
Os corazóns presentes no concerto de reaparición dos ZARES en Fene, latexaron con forza. Os beizos dos presente movíanse ao son de : “cuentame como te ha ido en tu viajar por ese mundo de amor…”
Ou de: “Teño saudade, saudade teño de ti…”
Os nosos parabéns para os membros dos ZARES e tamén para a xunta directiva da Sociedade Agarimo de Sillobre pola súa fermosa iniciativa.
Susi, emocionada dicía: “Dios mio… estou outra vez no Perla”. Juané, un dos fundadores do grupo, cantaba como un poseso por todolos currunchos do salón. O amplísimo repertorio do grupo metéunos na madrugada do Dia da Constitución, facendonos perder a noción do tempo. Moitos dos presentes animáronse a bailar, soltas e agarradas, mentras Juangui movía a cadeira diante dos seus “bongós” e Wenceslao, entre canción e canción, non paraba de aportarnos datos de Fórmula V, dos Brincos, dos Tamara ou de Andrés Dobarro. Pi, pi, pi, pi…pi pi pi pi pi…la lara lalá ,lara la lá…
Pitusa. |
| |
| OS APRENDICES DE DAVID CAL E BORJA PRIETO |
| 26/08/2005 |
Un curso de piragüismo desenvolveuse ao longo dos meses de xullo e agosto na praia de Almieiras en Limodre (Fene - A Coruña). Os rapaces e rapazas participantes nesta actividade, recibiron onte xoves o diploma acreditativo de ter superado con aproveitamento as ensinanzas no manexo das piraguas. |
| |
| MANIÑOS E "LA CASA DE LA TROYA" |
| 23/08/2005 |
A parróquia de Maniños en Fene ten unha considerable presencia na novela de Alejandro Pérez Lugín “La casa de la Troya”, unha das obras literarias máis editadas na literatura española do século XX. A novela romántica costumista na que o autor lembra os seus anos de estudiante en Santiago de Compostela conta con máis de 100 edicións impresas. Foi tamén levada ao teatro e ao cine en diferentes ocasións. A relación de “La Casa de la Troya” con Maniños derívase da amizade que entablou entre 1886 e 1891 en Santiago, Pérez Lugín co viciño desta parróquia de Fene, o que logo chegaría a ser Coronel do Reximento de Artillería do Exército de Terra D.Antonio Garcia Naya, casado con Dona Magdalena Leira Roquer. Dona Magdalena era neta de Jose Roquer, industrial curtidor catalán que en 1838 establece no lugar do Souto Vello en Maniños unha fábrica de curtidos. Precisamente de ahí tomará o nome o protagonista de “La Casa de la Troya”, a quen Lugín chama Gerardo Roquer. O novelista visitou Maniños en varias ocasións, acudindo á vivenda situada no lugar do Outeiro (na fotografia) segundo se lembra na zona. Lugín introduce na novela unha detallada descripción da parróquia dende a zona da ribeira, e subindo polo camiño no que se atopa o Pazo ou Casa dos Montenegro. Nesa edificación, construida en 1746, viviu o capitán de fragata da Armada D.Jose Ramón Castro Montenegro, falecido en 1834. Así sinala describindo esta vivenda á que Pérez Lugín denomina na novela Pazo dos Castro:
“Levantou Gerardo o picaporte, empuxou a pesada porta, entrou e atopouse no espacioso adro dunha desas vellas e señoriais casas galegas que foron a un tempo pazo e fortaleza nos lonxanos séculos feudais e conservan na súa arquitectura pegadas da súa história. A esquerda, unida ao pazo por unha arcada con duas fiestras, alzábase unha capela ostentando sobre a súa porta debaixo da espadaña un noble escudo de armas; á dereita unha tapia, por diante da cal unha parra ofrecía o agrado da súa sombra, e ocupando todo o fondo, o señorío dun severo caserón pétreo de dous pisos, baixo e alto. Un ancho balcón de pedra sobre unhas típicas arcadas corría caseque a todo o largo do piso alto ata a porta de entrada, á que subia dende o adro, unha escalinata de granito. Sobre a porta campeaba o escudo de armas dos Castro coroado por un casco de fachendoso airón. As almeas do tellado e da pesadísima, ancha, pétrea cheminea, daban certa reminiscencia militar ao pazo”.
Xa que logo, a parróquia de Maniños no Concello de Fene atopase reflexada nunha das novelas de maior impacto popular na literatura española do século XX. Trátase de “La Casa de la Troya”, publicada por Alejandro Pérez Lugín en Madrid en 1915. |
| |
| OS CORZOS E AS VACAS BERRABAN QUE POÑIA MEDO |
| 16/08/2005 |
 |
| |
| O FUME CUBREU BOA PARTE DE FERROLTERRA |
| 16/08/2005 |
 |
| |
| O LUME E O FUME EN FENE |
| 16/08/2005 |
 |
| |
| OS INCENDIOS FORESTAIS |
| 16/08/2005 |
A xornada do 15 de agosto do 2005 os incendios forestais inzaron Ferrolterra. O fume escureceu o sol arredor das sete da tarde. |
| |
| O XOGADOR DA CANTEIRA |
| 17/06/2005 |
| O xornalista Xose Manuel Pereiro realizou unha acaída comparación, definindo a Anxo Quintana, como o xogador da canteira que sacan para sustituir a Zidane, e cumpre sobradamente as expectativas máis optimistas. A dicir verdade, entre a tropa dos xornalistas, arrasa Quintana. Os comentarios favorabeis son practicamente unánimes, destacando cómo era un lider ao que moi poucos lle daban crédito hai pouco máis dun mes. O ex alcalde de Allariz foise afianzando conforme avanzaba a pre-campaña, collendo seguridade e facendo chegar a súa mensaxe cada vez a máis capas da poboación. O seu equipo deseñou unha campaña innovadora e efectiva, con pequenos encontros sectoriais que concluiron cun absoluto éxito. Ben é certo que contou coa benevolencia do PSOE e dos seus medios máis próximos, pero iso non emborrancha o trunfo xa logrado por Anxo Quintana nesta campaña. |
| |
| JUNCAL VERSUS CUIÑA |
| 15/06/2005 |
Santiago de Compostela. Sede central do PP. 0 horas do 20 de xuño do 2005. Levaban semanas afiandose os coitelos, navallas e espadas entre as diferentes faccións do partido. Ante a evidente perda da maioria absoluta do Partido Popular nas eleccións autonómicas celebradas onte domingo, empezan as discusións. A campaña foi desastrosamente enfocada . As saidas de tono de Fraga quitáronnos moitos votos . A culpa foi de Nuñez, Barreiro e Palmou que non se atreveron a dicirlle a Don Manuel que xa non se podía presentar . Manuel Fraga ven de comparecer diante de numerosos medios informativos acreditados nos locais do PP. Con cariz serio, agradeceu a todos os votantes do PP a confianza depositada nas súas candidaturas, e lembrou que os populares son a primeira forza política, a pesar de non contar cos deputados suficientes para manterse na Xunta de Galicia. Tamén deu as gracias a todos os cidadáns pola elevada participación rexistrada nestas eleccións. Anunciou a convocatoria dun Congreso extraordinario do PP de G para despois do verán, no que se elexirá ao novo lider do partido. Mentres Mariano Rajoy asentia coa cabeza á súa beira, Don Manuel indicou que o partido designará democraticamente aos seus dirixentes. Despois da comparecencia de Fraga que rematou entre bágoas e coa voz entrecortada, nas distintas dependencias dos locais conservadores sucedíanse as reunións de analise electoral e de preparación do Congreso popular. Perfílanse duas candidaturas, a da boina encabezada por Xosé Cuiña, e a do birrete que lidera o presidente provincial do PP de A Coruña Juan Juncal.
. |
| |
|