O Adriano
AS FARAGULLAS DA CAMPAÑA. ELECCIONS 19 XUÑO.
O homicidio do farmaceútico Moreda. Agrarismo e galeguismo (1917)
Deportes
SANTIAGO DOMINGUEZ CO DEPORTE BASE
Enquisas
¿Consideras positiva a instalación dunha celulosa en Ferrolterra?
Si
Non
Depende
Resultados
As Foxas
LUAR NA LUBRE PRESENTA SAUDADE
Rock 18 Rodas
ANDRES DOBARRO: O BOB DYLAN GALEGO
Manuel María
A súa vida
Maria Mariño, a voz feminina do Courel
28/08/2006
A Real Academia Galega decidiu adicar o Dia das Letras Galegas do 2007, á poeta natural de Noia Maria Mariño. A escritora viviu vinte anos no Courel, onde o seu home Roberto Posse exercía como mestre. Residiron nun primeiro momento na aldea de Romeor, onde Maria Mariño sofriu unha depresión tras sofrir un aborto e ver como falecía a súa nai. Dalí trasládanse a Parada do Courel, onde residen na escola, situada fronte á casa de Uxío Novoneira. Maria Mariño reflexa na súa escritura a grandeza da paisaxe da montaña de Lugo. Como Novoneyra, como Fiz Vergara Vilariño. Os seus restos repousan no cemiterio de Seoane do Courel. A súa obra revivirá no vindeiro ano 2007 ao fio das Letras Galegas. É coincidente con Uxio Novoneyra, o tema propiciado pola serra e o seu cosmos, a ansia de ver o seu ser transcendido no ámbito da Natureza segundo o profesor Ramiro Fonte. Maria Mariño publicou o libro Palabra no tempo en 1963. O Concello de Noia publicou en 1990 a súa obra póstuma Verba que comenza. . A profesora Patricia Arias prepara agora un rigoroso estudo sobre a vida, a correspondencia e a obra da poeta natural de Noia.
 
Entradas gratuitas para o Felipop, aquí
10/08/2006
Radiofusión sorteará entre os seus ointes 5 entradas gratuitas para a xornada do venres do Felipop e outras 5 para o sábado. As persoas interesadas en optar a ese sorteo poden chamar por teléfono ao número 981 492773 na xornada do venres entre as 10,15 e as 10,45 da mañá. Tamén poden deixar unha mensaxe no libro de visitas desta páxina, dende xa. Tanto as chamadas como as mensaxes sortearánse en directo en Radiofusión no 107.7 da Frecuencia Modulada (Ferrolterra A Coruña) ás 10,45 horas do venres. A entrada custa 15 euros para cada un dos dias.
 
Chega o Felipop 2006
01/08/2006
Os vellos rockeiros nunca morren. O vello tópico faráse realidade o venres 11 de agosto e o sábado 12 en Limodre en Fene. Grupos musicais de Arxentina (Litto Nebia) USA (Paul Collins) Madrid (Fortune Tellers) e doutros moitos lugares acudirán a un escenario que vai gañando en soleira ano tras ano. A entrada ascende a 15 euros cada dia, pero vendense tamén abonos de 20 euros para os dous dias de concerto. Haberá área de acampada gratuita e facilitan máis información na web www.felipop.com
 
Prepárase o Festival do Rio Castro en Narahio
13/06/2006
O Festival de Rio Castro en San Sadurniño preséntase oficialmente este sábado. Como noutras ocasións, o Festival preséntase cunha noite musical no Pub Dezine da mesma localidade de Ferrolterra. Neste mesmo local, este venres á noite actuarán o grupo Trashnos. Faltan pouco máis de quince dias para a celebración do Festival de Rio Castro, unha cita tradicional no lugar da Bola, ao pé do Castelo de Narahio. A Matraca Perversa, Pulalhe o pé, Xochilmica e Os Carunchos amenizarán musicalmente a velada. Tamén tocará o sábado 1 de xullo en Narahio, a charanga Cantigas e Agarimos de Santiago. Ademais un grupo de animación infantil e o grupo Picompé organizarán xogos populares e espectáculos de mimo, malabares e globoflexia. O Festival de Rio Castro chega á súa décimo terceira edición. Este sábado preséntase no pub Dezine de San Sadurniño.
 
Mártires de Carral: Semente da rebeldia
25/05/2006
Recollemos de seguido a versión dos sucesos acaecidos en Galicia en abril de 1846, ofrecida por Xose Ramón Barreiro, na Historia de Galicia publicada en 1979: “O levantamento de 1846 non pode ser interpretado como un pronunciamento militar máis. Hai elementos atípicos que teñen que ser asumidos nun modelo propio. No levantamento interveñen os militares, máis non somentes os militares. Hai unha incorporación moi notable de civís. O levantamento foi preparado na súa maior parte polo partido progresista, máis o grupo galeguista, o máis forte intelectualmente, soupo chegar a facerse imprescindible, dotalo da altura necesaria e controlalo civilmente por medio da Xunta Suprema de Galicia. Preside a Xunta Rodriguez Terrazo, actuando como secretario Antolín Faraldo, estudiante a quén debemos moitas das mellores páxinas escritas por eses anos sobre Galicia. O levantamento que comeza en Lugo o 2 de abril de 1846, derrúbase o 26 de abril en Carral, co fusilamento de doce oficiais. Máis non todo fracasou cando os dirixentes vencidos, Faraldo, Romero Ortiz, Rúa Figueroa, Añón, Rodriguez Terrazo e outros patriotas galegos pisaron a terra irmá de Portugal como exiliados. Xusto naquel instante o galeguismo empezaba a ser unha esperanza inmortal”. Rescatamos a continuación outra versión da Revolución producida en Galicia en 1846, daqueles sucesos que remataron co fusilamento de 12 militares na localidade coruñesa de Carral. Un monumento lembra alí a memoria dos MARTIRES DA LIBERDADE. Imos coa Historia de Galicia, escrita por Vicente Risco en 1952. O 1 de abril de 1846 levántase en Lugo o Batallón dirixido polo comandante Miguel Solís e Cuetos. Forman unha Xunta de Armamento e Defensa baixo o berro de “Viva a liberdade, viva a Raiña libre e constitucional, abaixo a camarilla e o dictador Narváez e abaixo o sistema tributario”. O dia 5 pronunciase a gornición de Santiago, a onde chegou Solís o dia seguinte. O dia 9 alzouse Buceta en Pontevedra, e o 10 Rubín en Vigo, e despois Baiona, O Morrazo, Redondela e Tui. De Madrid mandaron as tropas co Xeneral de la Concha ao fronte, pero mentras se suman ao pronunciamento Muros, Noia, Poboa do Caramiñal, Vilagarcia, Ribeira, Rianxo, Padrón e Caldas. O 15 de abril fórmase a xunta Superior de Goberno de Galicia, cuio secretario foi Faraldo. A Xunta dispuxo a supresión do sistema tributario, a rebaixa da sal e dos aranceis xudiciais, a reforma do plan de estudos e o amaño do presuposto do culto e clero, lanzou un manifesto e editou un periódico titulado LA REVOLUCION. Caseque toda Galicia estaba no seu poder. O dia 24 comeza a batalla de Cacheiras nas inmediacións de Santiago. O comandante Solís espera o reforzo das tropas de Vigo, que non chegan e tras un duro combate, as tropas gubernamentais prenden ao Exercito da Xunta de Galicia no mosteiro de San Martiño Pinario. Os doce xefes e oficiais dirixentes son conducidos á Coruña. Ao pasar por Carral, celebran nesta vila un irregular Consello de Guerra, condean a morte a Solís e aos outros 11 militares. Alí mesmo os fusilan e os enterran. Faraldo, Romero Ortiz, Añón e outros revolucionarios civís, tiveron que expatriarse. Continuamos con interpretacións dos sucesos de abril de 1846. Recollemos de seguido a interpretación do historiador Ramón Villares na súa história de Galiza, publicada en 1980: Na década de 1840 unha xeración de intelectuais mozos descobren a singularidade de Galiza. Antolín Faraldo, neira de Mosquera, Romero Ortiz, Rodriguez Terrazo e outros integran este grupo de precursores. Realizarán un traballo intelectual de sistematización das características diferenciadoras de Galiza e dos problemas que se lle presentaban. Comezan ademais a desenvolver o concepto de unidade galega, utilizando elementos procedentes do rexeneracionismo, autonomismo e do provincialismo. A posta en práctica das súas ideas ofrécella a este grupo o pronunciamento de Solís en abril de 1846 en Lugo, contra o goberno de Nárvaez e a favor da Raiña Sabela Segunda. En principio foi un pronunciamento propio do progresismo español, no que tamén participaron destacados progresistas galegos. Pero logo do fracaso da intentona militar no resto da península, fórmase a Xunta Superior de Goberno de Galiza, instalada en Santiago, que preside Rodriguez Terrazo e da que era secretario Antolín Faraldo. Nunha proclama que esta Xunta difunde o 15 de abril de 1846, fálase de que Galiza “está arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida en verdadeira colonia da Corte. Pero vai levantarse da súa humillación e abatemento”. O pronunciamento fracasa tras a derrota en Cacheiras e o fusilamento dos seus dirixentes na vila de Carral o 26 de abril daquel ano. En 1904 unha suscripción popular logra levantar un monumento aos mártires da liberdade na localidade coruñesa. Aqueles sucesos de 1846 convertiránse nun mito para o galeguismo de comezos do século vinte. A Real Academia Galega O 26 de abril de 1846, logo dun sumarísimo e irregular xuízo, foron fusilados en Carral o Comandante D. Miguel Solís e once oficiais. Concluía así o levantamento iniciado o 2 de abril na cidade de Lugo. A vila de Carral, que asistiu horrorizada ás execucións, pasou a ter dende ese momento un posto de honra no panteón heroico do liberalismo. Aquilo non foi un pronunciamento militar máis, foi un levantamento ao que se sumou a mocidade galeguista, liderada por Antolín Faraldo. O Batallón Literario de 1846 loitou cóbado con cóbado cos militares na batalla de Cacheiras e na batalla de Santiago. Algúns deles pagaron coa vida o seu empeño. Eles constituíron a primeira xeración galeguista, loitando coa pluma nos xornais, no teatro, nos debates urxidos pola paixón identitaria e, cando chegou o momento, loitaron tamén coas armas na man. Loitaron pola liberdade e pola patria. Querían unha Galicia ceibe e forte, que nunca máis fora colonia da Corte como escribía Faraldo. Amaban a terra con ese amor desesperado que foi sempre patrimonio da xuventude. Foron vencidos, pero non fracasaron. Hoxe o estámolo a demostrar. Cando xa foron varridos, como po da historia, os nomes dos executores, nós seguimos a honrar a súa memoria e a vivir da semente da galeguidade que nos deixaron. Xosé Ramón Barreiro Fernández Presidente da Real Academia Galega O contexto histórico O mes de Abril de 1846 pasou a história de Galiza por ter rematado co sangue verquido polos “Martires da liberdade” en Carral o dia 26, mais tamén polos acontecementos que encheron a Galiza de arelas de liberdade, e que comezaron o dia 2 en Lugo cando un batallón do exército se levanta baixo o mando de Miguel Solis. Non tardan en sumar-se outras cidades galegas como Santiago o dia 4, Pontevedra o 9, Tui, Vigo e comarca, o dia 10. O 15 de Abril reune-se en Santiago unha Asemblea que toma como principais decisións a de criar dous corpos de exército, un deles baixo a denominación de “exército libertador de Galiza”, e a de constituír unha Xunta Suprema do Reino de Galiza, que contará como Presidente con Don Pio Rodríguez Terrazo, e como Secretário a un dos principais ideólogos do Provincialismo (movimento no que se situan as orixes do nacionalismo): o mozo Antolin Faraldo. A Faraldo encarga-se-lle a tarefa de redactar unha proclama que verá a luz ese mesmo dia, na se explican os obxectivos revolucionários, e se compromete directamente a combater a situación de asoballamento na que vive Galiza “convertida nunha colónia da Corte”, polo cal a Xunta encargará-se de fomentar o intereses materiais de Galiza. Conclue a proclama dicendo que Galiza há conquistar “a influéncia de que é merecente, colocando-se no alto lugar a que está chamado o antigo reino dos Suevos. Que a espada de Galiza faga inclinar unha soa vez, a balanza en que se pesan os destinos de España”. Xa que logo este non era un pronunciamento máis dos que terán lugar no Século XIX. Este levantamento facia-se desde Galiza con claras arelas de autogoverno, convencido de que a liberdade no Estado só podia partir da liberdade dos seus Povos, e da desaparición do centralismo. Don Ramón Otero Pedraio describe asi estes feitos en “Os Camiños da vida”, con frases coma estas: “ As cousas estaban ben preparadas. O comité civil arelante dunha Galiza ceibe, soubo transformar o movemento militar nunha verdadeira e salvadora revolución(...).Dende a pequena capital de provincia, o erguemento faria estoupar en revolta todos os ventos da España. Os pobos terian liberdade, e Galiza seria unha personalidade ceibe”. Mais os acontecimentos non sempre son favorábeis ás causas nobres e esta revolución que tiña como un dos seus obxectivos redimir a Galiza, chocou o dia 23 de Abril, en Montouto, na coñecida como batalla de Cacheiras por ter sido esta a parróquia onde se produciron os feitos, coas tropas enviadas polo poder central para reprimir o levantamento baixo o mando do Xeneral Concha. A partires deste momento comeza a derrota das tropas da liberdade, que teñen como último ponto de resisténcia o mosteiro de San Martiño Pinario en Compostela. “Dediante do perigo, Compostela tiña un aspecto de Paris na grande revolución. Os homes corrian polas ruas para ergueren parapetos, nas esquinas as verbas aloumiñantes das proclamas mantiñan o entusiasmo. Organizaronse sabiamente os tres recintos da defensa. Os artigos de Faraldo na Revolución tiñan o acerto de ferir no medio dos corazóns. A min faloume a segunda noite de febre, do pensamento de botar os paisanos a unha guerra social. Xa na derradeiras horas falou de Espartaco e de Dantón cos masóns da Xunta. Mais estes, homes no fondo de orde, só arelan unha boa e clara constitución, o ideal de calquera Espatero. Á mañá, chuvizosa e tristeira, ollaba-se desde as torres de Sant-Iago o combate nos agros de Montouto e Cacheiras. Entre as xestas e tras os muros acendiase os fogonazos: aos bairros de Sar chegaba ben claro o bater dos tambores.(...) Os batallóns de Solis entraron ordenados, pecharon as portas (deSan Martiño Pinario) e comezaron a defensa; xa os atacantes asomaban polos extremos da praza. Os oficiais corrian ás fiestras afinado a punteria dos soldados. habia poucas municións. Os homes chamuscados pola pólvora, estaban serios, mais non parecian tristes nin cansos.” (R.Otero Pedraio: Os Camiños da vida Pax: 208-210) Os principais dirixentes desta revolución galega de 1846, irán camiño do exílio e o desterro, ou no pior dos casos serán fusilados o dia 26 pasando a ser para sempre lembrados na memória colectiva do Povo Galego, polo que deron a vida, como os Martires de Carral, por ter sido este oonde os fusilaron cando presos ian camilo da Coruña pra seren xulgados.
 
Loitaron pola liberdade e pola patria, afirmou Barreiro
26/04/2006
Os sucesos de 1846 non foron un pronunciamento militar máis. Ao levantamento sumouse a mocidade galeguista, liderada por Antolín Faraldo. Eles constituiron a primeira xeración galeguista, querían unha Galicia ceibe e forte, segundo afirmou Xose Ramón Barreiro. Entre os presentes, os académicos Francisco Fernandez Rei, Salvador Garcia Bodaño, Euloxio Ruibal e o presidente en funcións da Deputación da Coruña Xaime Bello.
 
Barreiro no Monumento
26/04/2006
Xose Ramón Barreiro diante do Monumento aos Mártires da Liberdade
 
Barreiro no Monumento aos Mártires
26/04/2006
Barreiro depositou unha coroa de flores no Monumento que lembra aos fusilados en 1846. Non estamos aquí para chorar aos mortos, senón para festexar o nacemento do galeguismo, o xérmolo do compromiso coa terra afirmou o historiador e presidente da Real Academia.
 
Viciños de Carral diante do Monumento aos Mártires
26/04/2006
Numerosos viciños e viciñas de Carral participaron os actos de homenaxe aos Mártires 160 anos despois do seu fusilamento.
 
Barreiro na tumba dos Mártires
26/04/2006
O presidente da Real Academia Galega Xose Ramón Barreiro realizou unha ofrenda floral na tumba dos fusilados en Carral o 26 de abril de 1846. Presenciaron o acto no cemiterio de Paleo numerosos alumnos e alumnas dos Institutos de Carral e de Cacheiras. Tamén asistiron a conselleira de Cultura e Deportes Anxela Bugallo e o presidente en funcións da Deputación de A Coruña Xaime Bello.
 
O pintor Anxel Huete realizou unha intervención plástica no campo da feira de Carral
26/04/2006
 
HOMENAXE AOS MARTIRES DE CARRAL
26/04/2006
O presidente da Real Academia Galega Xose Ramón Barreiro dirixindose aos asistentes o 26 de abril do 2006 no acto de homenaxe aos Mártires de Carral, diante do monumento erixido nesta localidade coruñesa.
 
MATCH POINT, UNHA NOVA XOIA DE WOODY ALLEN
12/01/2006
O último de Woody Allen, Match Point, é unha obra mestra indiscutíbel que supón un inagardado xiro na filmografía do cineasta. Seca, áspera, dura, atrevida, practicamente sen ningún xesto de humor, Match Point é unha nova proba da capacidade que ten este xenio para reinventarse, empregando a violencia como recurso para rematar a historia e construír con ela un discurso ideolóxico de enorme potencia. Un Woody Allen afastado dos clixés e os recursos que o fixeron universalmente coñecido, que somete o espectador á perversidade de se identificar cun asasino, e que vai arroupado por un excelente reparto no que sobresae o protagonista, un colosal Jonathan Rhys-Meyers, adorábel e odiábel a partes iguais. Custa recoñecer en Match Point a man do grande director neiorquino. Está, e moi presente, pero non se ve dun xeito tan explícito e claro coma noutros filmes. Woody Allen despístanos mudando o seu escenario habitual pola paisaxe gris de Londres e poñendo no centro da acción a uns personaxes que, por idade e por orixe, nunca antes viramos na súa filmografía. O protagonista de Match Point é Chris Wilton (Jonathan Rhys-Meyers), un ex-xogador de tenis que se pon a dar clases nun clube para ricos e grazas a iso chega a formar parte da alta sociedade ao casar coa filla dunha familia adiñeirada. Ao mesmo tempo cae fascinado por unha rapaza americana (Scarlett Johansson) prometida co seu cuñado, e inicia con ela unha relación adúltera con tráxicas consecuencias. As relacións de parella de Match Point son tipicamente allenianas: tremendamente apaixonadas até un certo momento no que, sen saberse moi ben a razón, os sentimentos cambian e a atracción esvaece de xeito case abrupto. O personaxe de Jonathan Rhys-Meyers está fatalmente enganchado ao de Scarlett Johansson, cousa que se fai evidente en moitas escenas pero sobre todo na que pasa por ser a miña favorita: aquela na que el lle suplica tras un encontro casual nun museo que lle dea o seu número de teléfono, amosando desesperación e necesidade con mínimos e furtivos xestos, os de quen quere facer algo que sabe que non debe. O protagonista chegará logo a un punto sen retorno que intentará resolver pola vía rápida; aparecen entón ocasionais lóstregos de comedia por medio duns fantásticos investigadores da policía encarnados por James Nesbitt e Ewen Bremner, pero para esa altura da película o humor é xa necesariamente negro. O desenlace de Match Point engade aínda maiores doses de cinismo, pero coa suficiente intelixencia como para que poidamos facer leituras moito mais profundas e seguramente mais crueis. Mais emparentada con Crimes and misdemeanors que con Melinda and Melinda, pero aínda con mais toneladas de perversidade que a primeira, Match Point é -mentres ninguén me demostre o contrario- a mellor película deste 2005, unha xoia que nos confirma que os xenios o son xustamente porque sexan cales sexan as circunstancias podemos confiar sempre neles. COMENTARIO DE MARTIN PAWLEY. Recollido de http://pawley.blogalia.com/
 
"LA GUERRA DE LOS MUNDOS". SO SE SALVAN OS EFECTOS ESPECIAIS
30/06/2005
La guerra de los mundos (War of the worlds)- Steven Spielberg, EEUU, 2005. Houbo un tempo a finais do século XX no que os extraterrestres chegaron á Terra e trazaron un maléfico plan para exterminar ao xénero humano. Primeiro secuestraron a todos os guionistas do mundo enteiro, que foron obrigados polos invasores a escribir películas de encefalograma plano que idiotizaran á humanidade. Ao mesmo tempo, secuestraron a todos os creadores de efectos especiais a quen dotaron dunha incrible capacidade para facer verdadeiras virguerías cos seus ordenadores, chamando así a atención do público en masa. E así, pouco a pouco, desde un discreto segundo plano, invadiron o noso mundo, transformándonos en seres sen neuronas, cun único sentido vital: sentarnos nunha butaca de cine cun grande paquete de palomitas a consumir a próxima película-trampa que os extraterrestres nos envíen. O verdadeiramente aterrador desta historia é que non é ciencia-ficción; é real!!! E La guerra de los mundos é un dos exemplos máis claros desta conspiración invasora a nivel universal. Estreada co apoio dunha promoción sen precedentes ata o de agora, a película que volve a unir a Steven Spielberg con Tom Cruise (despois da moi interesante Minority Report) é decepcionante a todos os niveis. Parece mentira que a estas alturas do campionato Spielberg acepte dirixir un guión tan malo, tan típico, tan tópico e tan incrible coma este, que escribe, nada menos, que David Koepp (quen xa demostrou a súa valía con bazofias como Spiderman, El último escalón ou as secuelas de Jurassic Park). Pero é que non só o guión é malo: un cuarto de hora dun capítulo de Amarte así, frijolito ten moita máis tensión e suspense que esta película. Afortunadamente hai moi pouco guión, porque cando algunha personaxe fala ao espectador lle entran unhas tremendas ganas de que un extraterrestre o fulmine de inmediato. Total para que digan cousas como “uauh, parece o 4 de xullo!” ou “serán terroristas ou europeos?” cando aparecen os invasores, mellor que a teñan a boca pechadiña. E aínda máis, as personaxes, interpretadas por Tom Cruise, Tim Robbins e Miranda Otto, como actores máis recoñecidos, son anodinas e pouco cribles, e a relación familiar entre o primeiro e os seus fillos é de vergoña allea (impagables as escenas nas que o fillo teima por enrolarse no exército, mentres Tom Cruise o convence do contrario no medio e medio da batalla). Podemos dicilo con todas as letras: se non fora por Amistad, esta sería a peor película da carreira de Steven Spielberg. Pero, para ser xustos, hai duas cousas que si debemos que destacar. Por unha banda, os efectos especiais son impresionantes, claro que só aparecen nun 20% da metraxe (o 80% restante é puro tedio); a escena do primeiro ataque alieníxena é sorprendente e impecable. Pola outra, os ollos da nena Dakota Fanning, que enchen a pantalla cada vez que saen e impiden mirar a outro lado. Haberá que seguirlle a pista a esta rapaza. O dato: O 10% do que che custe a entrada irá a parar directamente á carteira de Tom Cruise e de Katie Holmes e ás arcas da igrexa da Ciencioloxía. Se pagas 6 euros por ela, 60 céntimos son para Tom. A curiosidade: Aínda que pareza mentira, hai escenas de La guerra de los mundos que recordan a outras películas da filmografía de Steven Spielberg: desde Parque Jurásico ata Inteligencia artificial, pasando polas inevitables Minority Report, Encuentros en la tercera fase e E.T. e ata incluso por Salvad al soldado Ryan!!!
 
PRIMER RECIBE OS APLAUSOS DE MEDIO MUNDO
18/06/2005
Primer- Shane Carruth- 2004 EEUU Aínda non chegou ás carteleiras da nosa comarca, pero chegará. Ou se cadra si se estreou, pero nun plano temporal que non vivimos nós. É dicir, que pode ser que xa viramos esta película, pero non nós, senón outros nós nunha paralela temporal a esta, que non sei ben xa se é a de verdade ou non. O caso é que Primer é a sensación cinematográfica deste ano, pero a sensación que deixa despois de vela é de verdadeira confusión. Menos mal que Shane Carruth, quen dirixe, protagoniza, produce e escribe esta pequena película, xa avisa que o espectador non vai saber de que vai a misa polo menos nun 70% de metraxe. E así é. Vale que está ben, pero a cara de parvo que se che queda ao acabar é de campionato. A cousa vai de dous mozos dos que non sabemos moi ben en que traballan pero que acaban por idear unha máquina que non se sabe moi que fai pero que consigue que unha persoa poida non se sabe moi ben como pasar dun plano temporal a outro. En definitiva, os mozos consiguen unha sorte de máquina do tempo inmediato que, evidentemente, eles utilizan para gañar cartos investindo en valores que saben prósperos. Pero o tema se complica ao longo dos escasos 70 minutos que dura a cinta: alguén (non cheguei a entender quen, se un dos mozos ou un dos mozos nun plano temporal alternativo) transgrede as normas iniciais da máquina, que para variar non sabemos cales son, e as consecuencias son... ben, tampouco sei moi ben que pasa coas consecuencias. En definitiva, Primer é un labirinto inintelixible pero endiañadamente ben montado, que se gravou con tan só 6000 euros, a axuda da familia e dos amigos e con moita vontade, e que... non se entende moi ben porque gusta tanto... pero gusta, porque xa recibiu os aplausos de medio mundo. E polo menos é algo tan diferente e tan alonxado do cine que se fai hoxe en día que se agradece. O dato: Gañador en Sundance e nos Independent Spirit do ano pasado, Shane Carruth xa rexeitou decenas de ofertas millonarias de diversos estudos para escribir a súa próxima película que promete ser tan enrevesada e hermética coma esta. Curiosidade: Shane Carruth é licenciado en Matemáticas e, ademais, estivo traballando como enxeñeiro de software nunha empresa informática. Para escribir e rodar a película pediu un ano sabático na súa oficina. ALEXANDRE MARIN
 
AS "TAPAS" E O PENALTY DE DJUKIC
19/05/2005
Tapas- Juan Cruz e José Corbacho 2005 España-Arxentina Tapas é un filme sinxelo, simple e incluso, ás veces, simplón, pero entendido isto como a mellor das críticas que se lle pode facer hoxe en día a unha película. Foxe de calquera tipo de pretensión e de toda intencionalidade, situándose moi moi lonxe do estrépito de todas as megaproducións que invaden a carteleira. Está feita con auténtica liberdade, coa tranquilidade que dá facer o que realmente a un lle gusta facer. Juan Cruz e José Corbacho, ambos integrantes da factoría El Terrat, fían destas maneira unha película de vidas cruzadas que acaba por ser unha homenaxe aos barrios e ás súas xentes, e tamén á realidade e ás diferentes formas de vivila aceptando que formamos parte dela. E o resultado acaba sendo como a vida mesma: vendo Tapas podemos rir, sorrir, chorar, aburrirnos, sentirnos identificados ou marabillarnos coa cantidade de pequenas historias cotiás que acontecen, a maioría das veces sen darnos conta, ao noso lado. Son historias de todos os días coma a da muller que vive unha relación amorosa por internet, a do rapaz que se namora dunha muller que lle dobra a idade, a do home que descubre canto depende da muller que o acaba de abandonar, a da señora que fai calquera cousa para encher de ledicia aos que a rodean, a do home que se enfronta a un cancro, a do inmigrante que ten que traballar en calquera sitio a pesar de estar cualificado para traballos mellores... Claro que todo isto da simplicidade fai de Tapas unha película, por veces, demasiado superficial. E, ademais, o comechón que deriva na sensación de que faltan esceas confírmase nas entrevistas promocionais aos directores: faltan 40 minutos de metraxe, é dicir, case un tercio da película, e só teremos ocasión de velos cando se edite o dvd. Un punto en contra, desde logo, porque estaremos todos de acordo en que 40 minutos máis poden dar lugar a outra película ben diferente desta, tanto para ben como para mal. De todos os xeitos, e vendo o panorama deste ano, Tapas é do pouquiño que se deixa ver (que non oír, porque nalgunhas esceas case que se necesitan subtítulos para seguir os diálogos) do cine español estreado ata o de agora. A ver se cunde o exemplo... O dato: O nivel das interpretacións é sobresaliente. De entre figuras consagradas como Ángel de Andrés ou María Galiana ou promesas que proveñen do mundo da televisión como Rubén Ochandiano ou Darío Paso, destaca Elvira Mínguez, unha actriz ata o de agora moi desaproveitada no cine español. Ollo aos divertidos cameos doutros membros do clan El Terrat e de Ferrán Adriá. Curiosidade: A personaxe de Ángel de Andrés, de orixe galega, ofrece un dos gags máis divertidos da película: para excitarse pídelle a unha prostituta que lle recite a aliñación do Deportivo da Coruña, pero esta estrágao todo ao recordarlle a Djukic e aquel famoso penalti contra o Valencia... A web: www.tapaslapelicula.com
 
STAR WARS EPISODIO III: La venganza de los Sith
06/05/2005
Star Wars Episodio III: La venganza de los Sith- George Lucas 2005 EEUU Sabemos como empeza e sabemos como acaba. Sabemos todo o que pasa antes e despois, e ata un neno pode explicar perfectamente que é o que pasa durante. Todos os protagonistas son como da nosa familia. Non hai novidades, nin sorpresas e, non obstante... algunha película é capaz de levantar tanta expectación como esta? Non se fala doutra cousa nas revistas especializadas e en moitas sesións do día en que se estrea non queda un asento libre xa con quince días de antelación. Non hai dúbida: o acontecemento cinematográfico do ano é Star Wars Episodio III: La venganza de los Sith, o final (que non é o final) da saga estelar que revolucionou o mundo da ciencia-ficción e que convertiu ao seu ideólogo, George Lucas, nun referente do cine moderno e, sobre todo, nun home rico, riquísimo, dos de piscina olímpica chea de dólares. E nós, que como no meu caso quizais nin tan sequera sintamos a mesma febre que os miles de fans da saga, correremos ao cine máis próximo para poder ver como Anakin Skywalker se pasa definitivamente ao lado escuro da Forza convertíndose no enfermo de asma con máscara negra Darth Vader, e como Padmé Amidala trae ao mundo ás dúas criaturiñas chamadas Luke e Leia, e como Obi-Wan Kenobi separa aos dous irmás para protexelos dunha morte segura a mans primeiro. En definitiva, non deixa de ser un culebrón con naves espaciais e espadas de neón a cores, con personaxes que non existen sen axuda dos efectos especiais e nos que, como nas telenovelas americanas, o malo ten tanto carisma que chegamos a querer ser coma el e abandonar dunha vez por todas o aburrido lado do Ben. Pero, con todo, nos gusta tanto... Esperamos que a historia remonte o voo, sobre todo tendo en conta que o capítulo anterior era infumable, e que o final (que non é final) de Star Wars teña a dignidade que merece. Despois, George Lucas poderá seguir nadando en dólares coa tranquilidade de ter deixado á humanidade enteira satisfeita. O dato: A estrea, que será o vindeiro día 19, celebrarase a nivel mundial, é dicir, que en ningún país se verá Star Wars Episodio III: La venganza de los Sith antes que noutro. Ademais, para que non queira perder o fío da historia, Antena 3 emitirá durante este mes os outros cinco capítulos da saga por orde cronolóxico, e con decenas de anuncios polo medio, iso si. Curiosidade: Os rumores afirman que os empregados de Lucas Arts xa teñen asinados contratos para rodar a terceira triloxía da saga galáctica. George Lucas, que parece divertirse moito levantando expectativas, segue negando a existencia deses tres novos capítulos. A web: www.starwars.com
 
TIERRA DE ABUNDANCIA
04/05/2005
Non é abundante a oferta cinematográfica desta semana, chea de vindiesels, nicoles e penélopes empeñados en meterse onde non os chaman, como tampoco foi abundante a peculiar “travesía polos desertos” de Wim Wenders durante os últimos vinte anos, onde só deu á carteleira películas mediocres como Millon Dollar Hotel ou El final de la violencia. Ambas as sequías rómpense agora coa estrea desta Tierra de abundancia, na que o director de París, Texas, El amigo americano ou Cielo sobre Berlín, fai unha radiografía da actual América (do norte, evidentemente), terra de oportunidades por excelencia, e dos americanos tras os dramáticos atentados do 11 de setembro. Conta a historia de Paul (John Diehl), un ex-combatente de Vietnam afogado na paranoia de pensar que calquera cidadán pode ser sospeitoso de terrorismo, e da súa sobriña Lana (Michelle Williams) que, pola contra, regresa dunha viaxe por Europa e África e ten unha idea máis que inocente do xénero humano. A relación entre ambos e as súas reaccións ante a realidade que os rodea fará avanzar unha trama aplaudida pola crítica nos festivais de Venecia e Toronto do ano pasado e que nos devolve, por fin, a mirada entre amarga e irónica do mellor cine de Wim Wenders. O dato: As colaboracións de U2 son habituais nas películas de Wenders, pero nesta ocasión o responsable da banda sonora é Thom Yorke, cantante e ideólogo dos Radiohead. Curiosidade: Wim Wenders escribiu o guión do filme durante un verán para non aburrirse, xa que tivo que parar a pre-produción doutra película, Don´t come knocking, que na actualidade está rodando, por falta de cartos. http://www.mangafilms.es/tierradeabundancia/ Alexandre Marín.
 
 Radio Fene. 2003.  todos os dereitos Reservados